Doña Veneranda

Non semella que sexa o Nadal a mellor época para opinar sobre política pero a inminencia das eleccións autonómicas fai que, en plenas festas, os representantes dos distintos partidos asomen a cabeza nos medios de comunicación máis do que é habitual. Inauguracións, denuncias, cruces de acusacións... todo elo invade o noso Nadal como anticipo do que virá en Febreiro coa campaña electoral.

En Lugo, como en toda Galicia, a contenda preséntase reñida. A tenor dos resultados das eleccións xerais de marzo de 2008, parece lóxico pensar que o Partido Popular volverá se-la forza máis votada. O PSdeG e o BNG tentarán que a súa acción de goberno se vexa recompensada polas urnas pero sen agredirse entre eles máis do necesario.

Parece descartado que forzas menores como Unión Progreso y Democracia, Terra Galega ou Esquerda Unida acaden representación parlamentaria. De feito, nin sequera é seguro que as dúas primeiras se vaian presentar ós comicios pero, de facelo, a súa importancia estaría máis no xeito en que poden restar votos a PP, PSdeG e BNG que na súa representatividade no hemiciclo. En todo caso, UPyD está cada vez máis desacreditada pola súa bochornosa posición fronte ó terrorismo e Terra Galega parece unha organización concibida máis para eleccións municipais que para proxectos de altos voos. Esquerda Unida volverao tentar e volverá obter os mesmos votos de sempre a non ser que prometa colgar dun carballo ós especuladores bursátiles en cuxo caso, acadaría maioría absoluta.

O que si sorprende é que os dirixentes do PSdeG non amosen unha vontade clara de ir a por todas e tentar ser a forza máis votada. As condicións semellan inmellorables xa que teñen nas súas filas ó número dous do partido a nivel estatal, están á fronte do goberno da Deputación Provincial e, salvo Monforte e Vilalba, teñen tódalas alcaldías importantes da provincia. Nembargantes, o propio Xosé Blanco manifestou que están moi lonxe de poderen gobernar sen o BNG.

Ao PSdeG pódelle acabar pasando co BNG o mesmo que lle pasou a Doña Veneranda co seu esposo. Era esta unha veciña de Chantada que estivo trinta anos casada e que sempre odiou e foi odiada polo seu marido, de xeito que só se dirixían a palabra para discutir. Cando por fin morreu o home, un veciño dixo “estará vostede contenta, xa que lle morreu o marido” ó que Doña Veneranda respondeu “non creas, chegan as dez da noite e parece que me falta aquela repugnancia na casa”. Conseguirán os socialistas vivir sen botar de menos aquela repugnancia?

Comentarios