Días e datas

Coinciden neste mes de Xullo dúas datas cargadas de simbolismo. Unha é o venres 18, día en que moitos máis dos que se pensa rememoran a cruzada nacional que nos salvou do comunismo, do ateísmo, da masonería e da tos ferina. A outra é o día 25, cando miles de gorxas que anhelan a fin do asoballamento acoden a Santiago a clamar pola liberdade da Galiza e por rematar co envío masivo dos nosos cartos para manter a Madrid, Catalunya e ós analfabetos andaluces.

Ámbalas dúas causas, que no fondo son bastante similares, teñen grande cantidade de adeptos en Lugo. Nas obras da estrada de Nadela e noutras partes da cidade poden ver as pintadas que os do 18 adican ós do 25 e viceversa. Así, onde decía “Independencia, AMI”, logo líase “Independencia? PARA MI NO” e finalmente “Independencia PARA MI = SI”. Se cadra aínda non son merecedoras de visitas guiadas pero estas mostras de salero e inxenio deberan ter algún tipo de recoñecemento por parte da cidadanía e, xa que logo, dos seus representantes municipais. Seguro que o señor Orozco non ten a sensibilidade suficiente para honrar a memoria do noso paisano o xeneralísimo e non lle adica nin unha das 24 horas do día 18 a glosar a súa figura. E aposto un brazo a que non ten a gallardía precisa para fletar autobuses cos que os lucenses poidamos ir a Santiago a expresar a nosa total entrega á causa da Galiza.

Os vagos, maleantes, vividores, avaros e hedonistas que tamén pululan, desgraciadamente, por Lugo seguro que só asocian o glorioso día 18 coa  paga extra e o venres 25 cunha longa ponte que malgastar na praia. Confío en que Monseñor Carrasco exerza a súa divina influencia para que as empresas atopen calquera excusa coa que non pagar a extra (aínda que eso non é difícil) e para que o 25 caigan chuzos de punta en toda Galiza agás na compostelá praza da Quintana (que xa debera chamarse “do Sr. Quintana”).

“Fray Guillermo, a causa de idolatrar la razón, habéis olvidado lo que es más obvio”. Estas verbas de El nombre de la rosa son aplicables á actual situación. A causa de centrarnos na economía, no emprego, nos nosos praceres e vicios, na nosa experiencia vital, esquecemos metas máis elevadas como as que se reivindican os días 18 e 25. 

Lamentablemente, a única celebración de cantas se producen neste sétimo mes do ano que tivo repercusión nos medios foi a bochornosa festa do orgullo gay. Unha proba máis de que estamos dando a espalda (nunca mellor dito) ás cousas e causas coas que se escribe a nosa historia

Comentarios