(des)Esperante

Cando o que eran hortas se convirte en avenidas, pérdese a conciencia de onde está a orixe. O proxecto de enlace de autovía pensado para a zona de Esperante, Piúgos e Soñar non ten ninguna lóxica, ademáis de resultar claramente lesivo para os intereses dos gandeiros deses lares. Si, si, eses que a xente de Lugo cidade chama “os paisaniños” e que manteñen a economía desta provincia. O mencionado enlace vai arramplar cun castro, unha morea de acuíferos e infinidade de leiras adicadas ó cultivo de millo e forraxes para alimentar o gando. Efectivamente, ese mesmo gando en virtude do cal se está a construir a bombo e platiño o famoso Cetal. 

Non estaría mal que o Concello organizase visitas guiadas ó enlace para que os veciños da polis puideran comprobar o antes e o despois desa zona tan preto da urbe e de cómo se perxudica gratuitamente a xentes que, non o esquezamos, son tan de Lugo como os de dentro da muralla.

Aparte dalgunha moción de rexeitamento, pouco se pode facer dende o Concello, xa que non ten ningunha capacidade de decisión sobre a autovía aínda que semella que o trazado se fixo sobre plano dende Madrid e poñendo especial interese nos beneficios que poida aportar á cidade por riba das molestias que causa nos arrabais. En realidade non é nada novo senon máis ben unha actuación habitual en calquera administración. Pero neste caso concreto, hai espazo suficiente ata o Picato como para levar o enlace máis arriba sen fastidiar a ninguén.

Algúns pensarán que con pagarlle-las expropiacións ós gandeiros xa van que chutan pero non é así. É verdade que van cobrar uns cartos, mais, por qué? Por desfacerse para sempre das súas leiras, unhas leiras das que sacan os cultivos cos que alimentar ás vacas. Eses cartos irán para mercar ou arrendar novos terreos nos que botar o millo, as patacas ou a avea e que, en ningún caso, van ser da capacidade e calidade das que agora se van ocupar. 

Por outra banda, e aínda que agora se fale de frenazo no sector inmobiliario, é indubidable que eses terreos están o suficientemente preto de Lugo como para pensar que o día de mañá van ser urbanizables. Adeus, xa que logo, á posibilidade de facerse algo menos pobre coa venda das fincas ás inmobiliarias. Desde calquera verquinte, o enlace é ruinoso para a zona.

Nesa parte de Lugo temos un exemplo máis de que a frase “hai que fixar población no medio rural” que din os políticos é só unha declaración de intencións que á hora da verdade ninguén se atreve a levar a cabo.

Comentarios