Dean a nota

Galicia é país receptor de inmigrantes. Ao mesmo tempo, dáse o paradoxo de que moitos galegos marchan por falta de expectativa laboral axeitada á súa formación ou capacidades; pero deixen iso agora. Recibimos inmigrantes, vemos de inserilos no noso sistema social, admitimos obriga e compromiso de fornecer educación pública para os menores. Con lucido espavento ou modo suave, aparente modestia translucindo fachenda, a autoridade educativa superior aduce números de escolarizados, e entre a xente do común —queixosa ás veces polo gasto— prolifera a tendencia a sacar peito de solidarios, xenerosos; en última instancia: ricos.

Pois non tanto, tampouco. Acoller os que chegan, facelos nosos, é actitude meritoria; pero escolarizar os seus fillos leva tamén un aquel de cálculo: preparalos mellor para renderen no noso mundo e mercado laboral. E que conste: non o facemos tan ben como se di, nin sofre tanto o erario como algúns pensan.

Caso particular. Hai un par de anos, chegou a certo instituto lucense un rapaz (non importa o sexo) de país eslavo: non comprendía unha palabra de idioma sabido entre nós; no curso seguinte chegaron dous máis. Aclaremos que o sistema educativo —daquela coma agora—, en vez de establecer un período transitorio de inmersión lingüística e cultural, con medios específicos e profesionais adestrados, deposita os que acaban de chegar nun centro de ensino corrente segundo a súa idade. Os alumnos referidos chegaron ao centro en cuestión, foron introducidos nun grupo conforme a súa idade, alí sentaron e a mirar.

O profesorado foi facendo o que puido ou quixo, considerando que ao fallar a intercomprensión non se daba a condición mínima que esixen o acto e proceso educativo. Non había traballo, non podía haber valoración docente. Cando tocou avaliar, os encargados non tiñamos o con que ou a partir de que; houbo logo certa sorpresa —isto é un falar— cando a autoridade educativa superior esixiu que os alumnos acabados de chegar, que non nos entendían e nós non entendiamos, levasen unha nota. “A obriga do profesor é avaliar” quixo ser argumento de autoridade; madia leva se non foi.

Só un de entre nós quixo resistir aquel absurdo. Non puxo as notas, inquiriu en veces sucesivas pola maneira de facer razoablemente o que lle pedían. Podiamos, ao mellor, esperar que o sistema se sentise interpelado, que algún xestor parase mentes. A resposta definitiva chegou hai case nada: o profesor está suspendido por dous meses.

Senén, isto vai por ti. Desde a vergoña.

Comentarios