''De tanto calar xa falo eu solo''

ESTE É UN POEMA DE UXÍO NOVONEYRA. Un só verso lévanos ata o Courel xigante que miraba cos ollos ben abertos un neno en Parada de Moreda. Máis tarde, nos anos de enfermidade e convalecencia aprende o poeta leccións de silencio e soidade: As noites i os días/os días i as noites/e ún xa non sabe/cando foi onte.

De tanto calar… Un verso retrata a xente calada nunha terra de soidades. É o Courel dos tesos cumes, entretecido ó lonxe de camiños sen xente. A toponimia, que tan ben fotografa Novoneyra, tamén vai calando. Dos 32.000 núcleos de poboación de Galicia, uns 8.200 están a morrer en silencio.

—Isto é una tristeza —comenta un veciño ó mestre que volvera de visita a Oirán—. Pasan días enteiros sen atopar a ninguén. A escola? Pechada hai anos, pouco despois de marchar vostede. Xa non hai nenos. Nin xente queda coa que falar.

Outro orientador de Preescolar na Casa, que aporta presencia e acompaña ás familias na tarefa de educar ós cativos no sur de Ourense, parou a botar un párrafo cun velliño que baixaba coas vacas.

—Pero home, coa súa idade a aínda tornando as vacas! E non haberá que descansar un pouco?

Meu vello cala e, mirando sen mirar, di:

—Ten moita razón. Nin sabe un para quen traballa. Xa non quedan nenos. Xa non queda nada.

Na nosa Galicia rural o proceso de concentración escolar tivo consecuencias demoledoras para a vertebración do territorio. A Administración clausuraba unha escola e a demografía envellecida pechaba unha aldea. Detrás dos nenos que foron estudar nas vilas, marcharon as familias. E calaban as aldeas. Cuns poucos vellos estaban condenadas, no 'corredor da morte', demográficamente mortas.

De tanto calar está a falar soidades o rural mentres contempla lóstregos de progreso en forma de autovías e AVEs. que tecen Galicia co mundo pero descosen o territorio. Cala o peixe da costa depredada. E cala o deus Eolo mentres os muíños levan os cartos lonxe. Está a calar o leite. Calan as paisaxes e berra o feísmo. Calan as árbores asesinadas. Calan tanto e tantos que o silencio fire.

Graciñas a Deus non cala a poderosa voz de Uxío Novoneyra, que sabe e ole a terra, que canta como pintando. A voz que un día de 1957, na longa noite de pedra, abríu en Compostela o ciclo de conferencias 'Homenaje a la poesía gallega'. No silencio medorento alzouse a voz rexa e chea de coraxe civil do poeta: 'Miñas donas e meus señores...'. Toda unha invitación ós caladiños a erguer a voz naquela sociedade pétrea e monolingüe.

Hai unha Galicia onde a xente fala soa, mentres o vento asubía cancións de soidade. Pero outra fala coa voz rexa e ardida. É a Galicia que non cala, que non fala soa, que está a construír o futuro.

Comentarios