De que planeta somos

COÑECÍN UNHA familia de americanos que estaban a vender todas as súas pertenzas porque se mudaban de casa; apenas lles quedaban por liquidar as cousas do xardín. Vivían no norte do estado de Nova York e ían para Carolina do Norte, que ven a ser como trasladarse de Lugo a Murcia. Loxicamente, isto implicaba un cambio total de vida, cousa que a eles lles facía especial ilusión. Entre nós, a cousa cambia. Os galegos estamos particularmente apegados á terra, xa que as estatísticas indican que máis da metade vivimos toda a vida no mesmo lugar no que nacemos. Outra parte importante queda dentro do radio de acción da familia. Cando se di que os homes son de Marte, e as mulleres de Venus, para recalcar que son moi diferentes, non se repara en que esta afirmación sería máis axeitada para sinalar que galegos e americanos son de planetas distintos, polo menos en canto á relación co terruño. Precisamente a sociolingüística indícanos que a importancia das cousas entre un determinado colectivo vese en primeiro lugar na linguaxe. Un exemplo típico é o dos esquimales, que teñen preto de duascentas palabras para dicir neve ou xeo, e case mil para un animal que nós chamamos sinxelamente ‘reno’. No caso galego, a nosa contribución ao acervo das linguas é o termo morriña, que indica a tristura por estar lonxe da terra natal. Un americano dificilmente sentirá cousa tal porque, para el, moverse é parte da súa ambición vital. Por se hai alguén que o dubida, aí están os números: cada ano entre dez e vinte millóns de cidadáns cambian de lugar de residencia. Seguindo tendencias que van mudando co tempo, na actualidade hai unha avalancha de xente cara a certos condados dos estados de Arizona, Nevada e Florida, ou a cidades como Austin, en Texas. En consecuencia, outras zonas, sobre todo do medio Oeste e cidades industriais en decadencia, como Detroit ou Buffalo, estanse a converter en desertos humanos. Cando falamos destes movementos hai que ter en conta que, aínda que se consideren domésticos, porque non están a saír do país, o certo é que moitas veces as distancias destes desprazamentos son enormes. Por exemplo, entre Boston e Los Angeles hai moitos máis quilómetros que entre Madrid e Oslo e, por suposto, outras tantas diferenzas en clima, vexetación e mesmo en costumes. Pero nada de isto é obstáculo para un yankee, que leva nos xenes o desexo por triunfar, e sempre vai pensar que se non muda catro ou cinco veces de residencia durante a súa vida non ten aproveitado ben as oportunidades. Pola contra, as enquisas reflexan que un número importante de paisanos nosos nunca aceptarían un traballo se tiveran que marchar da casa. A morriña.

Comentarios