De blanco, nada

A pasada semana lin no diario Marca un artigo que me fixo sacar peito. Unha vez máis, un lucense de pro ponse por riba do resto dos mortais. Trátase de Xosé Blanco que, segundo un columnista dese diario, é quen decide o vencedor final da Liga de Fútbol Profesional. Tiñamos oído en tertulias varias e mesmo lido nas páxinas deste xornal que Blanco coñecido, despectivamente ou non, como Pepiño en Madrid rexeitaba ser ministro porque prefería adicar as súas horas productivas a organizar o Partido Socialista. Outros, peor
intencionados, din que él mesmo non quería os berenxenais de ser ministro. Pero en calquera caso, todos eses autores de artigos e tertulianos radiofónicos quedaron agora retratados. A verdade, a única verdade do labor político de Xosé Blanco é a de manipular a Liga para que non a gañe o Real Madrid.

Sobre fútbol e política, lembro que xa dende a máis terna infancia se nos xurou e perxurou que o franquismo nunca axudara ó equipo do Bernabeu. Era un deses casos en que o desmentido chega antes que a acusación pero tampouco é que lle deramos demasiada importancia. Por esa senda, era máis culpable quen informaba de cómo os cartos públicos
serviron para que o gran Alfredo di Stéfano acabara no Real Madrid que os propios autores desa prevaricación. Tamén me ven á memoria a manipulación do gol de Marcelino que durante décadas se dixo que fora a pase de Amancio xogador do Madrid pero que logo soubemos que o pasador foi Chus Pereda. Todo esto pode ser obxecto de discusión e sei de certo que o setenta por cento da afección negará ou polo menos matizará os feitos antes citados. O azar quixo que as oficinas do Madrid estean na rúa Concha Espina, recoñecida
escritora franquista.

Pero agora estamos na era das novas tecnoloxías e neso Xosé Blanco é un mestre. Realmente non foi sorprendido no palco do Calderón expresando o seu rexeitamento hacia o Real Madrid. Foi unha acción calculada para que todos viramos quén manda no fútbol e ese non é outro que o rapaz de Palas.

Como lucense que son, é o meu deber esixirlle a Xosé Blanco que ascenda de xeito inmediato ó Breogán á Liga ACB, que o Lugo xogue a vindeira Champions e que o Azkar desbanque por fin ó Interviú como clube hexemónico de fútbol sala.

Franco, con todo o xefe de Estado que era e o poder político que tiña, nunca chegou a poder axudar ó Real Madrid dos seus amores pero o noso Pepiño, un simple deputado da Ulloa, é capaz de determinar en Outubro quen gaña unha liga que remata en Xuño. Qué grande!

Comentarios