Curas para un país en coma

HAI UN MES E MEDIO que a enfermeira lucense Mónica Álvarez acudiu ao chamado de Médicos Sen Fronteiras para botar unha man en Porto Príncipe, capital de Haití. O eco da catástrofe natural vaise apagando nos medios de comunicación occidentais, pero a situación no país segue a ser moi complicada. "Porto Príncipe parece unha cidade bombardeada. Hai un millón de persoas sen casa e quen máis e quen menos perdeu a alguén da súa familia", describe Mónica. "Por moitas imaxes que che poñan na televisión, non teñen que ver coa realidade", que sempre gaña en dureza, di.

As perspectivas para o futuro inmediato non son moi esperanzadoras; por non dicir que é de-sesperada. "Está a punto de empezar a época de choivas; os máis afortunados teñen unha tenda, os demais dormen debaixo dun plástico ou á intemperie", explica.

Aínda que leva anos colaborando con Médicos Sen Fronteiras (MsF), esta era para Mónica a súa primeira participación nun contexto de catástrofe natural. Antes estivo en zonas rurais de Sudán, Níxer ou a República Centroafricana e aínda que a situación de precariedade é grande en todos os casos, Haití impresionouna pola situación de colapso. "É un país moi pobre, pero está des desenvolvido: os profesionais haitianos están formados, independentemente dos problemas que puideran ter. E estamos a falar da capital, Porto Príncipe, que é un contexto urbano, non é como unha zona rural africana"; un medio urbano que agora está destruído na súa meirande parte.

Mónica integrouse nun equipo que tiña dúas misións, por un lado a atención médica da poboación; e por outro, intentar poñer en marcha un hospital no que antes do terremoto era unha clínica dental.

Da habilitación do hospital ocúpase outro grupo. "Non só hai sanitarios, senón tamén un equipo de loxística importante, porque medicamente non podemos traballar se non hai tendas, saneamento, auga ou combustible".

Mentres o hospital non está habilitado, aténdese aos pacientes en tendas de campaña. Cando Mónica chegou, quince días despois do terremoto, os primeiros auxilios xa se fixeran, pero aínda quedaba moito traballo por diante. "Encargámonos de urxencias, postoperatorios, pediatría, ademais de ter unha clínica móbil que saía á comunidade; os pacientes con tétanos tamén eran nosos", explica, pois MsF traballa na zona en coordinación con outras organizacións, para que a atención sexa o máis eficiente posible.

Mónica volveu á súa vida aquí —hoxe incorpórase ao traballo— e outros voluntarios tomaron o relevo. "Vai haber moito traballo durante moito tempo porque estamos falando de que as infraestruturas sanitarias, de cobixo ou universitarias caeron e as consecuencias vanse vivir a moi longo prazo" porque, sinala, "hai promocións de medicina, de enfermería, de dereito, por exemplo, que non van saír. O futuro é complicado".

Na volta, hai tamén un proceso de descompresión emocional, non só no caso de Haití, senón tamén nas súas estadías anteriores en África, algunha de sete meses. "Non é doado, tes que intentar buscar un equilibrio entre os dous mundos, o que ves alí e o que tes aquí", indica, pero o axuste non é sinxelo e a Mónica provócalle "cabreo, tristeza tamén, pero primeiro de cabreo; sempre houbo ricos e pobres, pero que haxa esta distancia tan abismal no século XXI cabrea moito", di.

No mundo rico, Mónica non pode evitar "ter a sensación de que temos demasiado de todo e non nos chega nada; pero é a condición humana, está claro".

Comentarios