Cultura viva al servicio de los vecinos

José Luis Novo Cazón (Foto: Cristina Pérez)
photo_camera José Luis Novo Cazón (Foto: Cristina Pérez)

VAI facer 64 anos que naceu en Noche o que hoxe é o veciño máis reseñable desta parroquia vilalbesa, José-Luis Novo Cazón, do que os nostinos nos sentimos orgullosos. Á súa bagaxe cultural -é escritor, historiador, investigador, educador…- pódenselle engadir a calidade humana, o trato afable nas distancias curtas, as conversas adornadas con citas históricas ou mesmo con verbas de personaxes significativos. Sábeno ben todos os que tiveron a sorte de pasar polas súas clases, os veciños e amigos que con el compartimos momentos ou os que traballaron e traballan ao seu carón no Instituto de Estudos Chairegos, unha entidade que é referente cultural na Chaira, da que José-Luís foi fundador e presidente.

Na Asociación Recreativo Cultural Nausti, dos veciños de Noche, decidimos porlle o seu nome ao noso Centro Social, unha pequena homenaxe para este gran home, que dende o seus inicios achegou sempre a súa axuda desinteresada e activa na procura de recuperar as nosas raíces e a nosa historia. Parte destes traballos están a piques de ver a luz e todo grazas a este ilustre nostino, José-Luís Novo Cazón, ou Luís de Cernadas, como o coñecemos nesta parroquia vilalbesa.

O dito, é unha gran sorte e un tremendo orgullo ter a cultura tan á man.

Comentarios