jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

A cultura como traballo

A xestión cultural en distintas administracións é unha das orientacións do grao.
A xestión cultural en distintas administracións é unha das orientacións do grao.

 A licenciatura de Humanidades está en proceso de extinción, e das súas cinzas xorde esta nova titulación co afán de dar continuidade á formación humanística e, ao tempo, engadir tamén unha orientación máis práctica cara o campo da industria cultural 


a facultade de Humanidades continúa, neste curso académico que comeza en setembro, coa implantación do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, que puxo en marcha o ano pasado. Este título recolle parcialmente o espíritu da licenciatura en Humanidades, que aínda coexiste coa nova titulación, á que o centro quixo buscar unha orientación que garantizara unha mellor inserción laboral aos futuros egresados. Deste xeito, o novo grao toma de base a formación humanística interdisciplinar e xeralista da antiga titulación e engade unha maior competencia profesional nos ámbitos da produción, xestión e difusión cultural, segundo explica xustifica a propia memoria do título.

Para escoller esta orientación e determinar as características do grao, a facultade fixo un barrido pola oferta académica no resto do país e noutras universidades europeas. En España, a oferta máis semellante, que non igual, é da Universidade Internacional de Cataluña, que imparte o grao en Ciencias da Cultura. Este, entre outras cousas, capacita aos graduados para ter unha visión crítica das manifestación culturais históricas e contemporáneas, seren capaces de levar á práctica propostas e proxectos culturais, sociais e internacionais e de tomar partido en debates clave para a cultura contemporánea, como son a globalización e o multiculturalismo. A orientación laboral diríxese cara a industria cultural, e tamén cara os proxectos de desenvolvemento.

En Francia, a Universidade de Lille oferta a Licence d’Études Artistiques et Culturelles (Grao de Estudos Artísticos e Culturais), e esixe como requisito de ingreso unha sólida formación cultural, artística e literaria, así como unha correcta expresión oral e escrita.

En Alemaña, a Universidade de Passau imparte o Bachelorstudiengang Kulturwirtschaft (Grao en Cultura e Economía), que inclúe tamén a comunicación intercultural na sociedade global dentro do seu ámbito de formación e conta coa especialidade en linguas estranxeiras, no que o alumno debe cursar dúas, escollidas entre o inglés, español, francés e outras europeas, así como orientais, entre eles, chino, indonesio, thai ou vietnamita.

No Reino Unido, a Universidade de Leeds, entre outras institucións, ofrece una Bachelor of Arts in Cultural Studies (Grao en Estudos Culturais) no que se pretende formar analistas culturais altamente cualificados. Tamén na Universidade de Birmingham se ofrece un Bachelor of Arts in Culture, Society and Communication (Grao en Cultura, Sociedade, e Comunicación). Neste caso, e a semellanza do que ocorre co grao lugués, tamén se pretende que o titulado analice o impacto político das formas culturais e o papel dos medios de comunicación.

Estrutura

Os estudos lugueses constan dun módulo de formación básica (60 créditos), que se cursa o primeiro ano; outro de formación humanística obrigatoria (78 créditos) e un terceiro específico en produción, xestión e difusión cultural (60 créditos). A maiores, hai unha oferta optativa que supón cursar 36 créditos a elixir entre materias de formación humanística e de formación específica. Por último, é necesario facer un traballo de fin de grao (6 créditos) para acadar o título.

Entre as materias obrigatorias, os alumnos deben escoller un idioma estranxeiro, ben sexa inglés ou francés.

Saídas

No momento de adaptar o título de Humanidades ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), o equipo da facultade luguesa considerou que o mercado necesita profesionais cunha «sólida e polivalente formación humanística e con capacitación documental, de xestión e tratamento da informacion».

Esta necesidade percíbese, consideran, en instituciones públicas, semipúblicas ou empresas privadas, tales como servizos de cultura dos concellos e universidades que promoven procesos culturais con miras ao desenvolvemento local ou o turismo cultural; fundacións públicas ou privadas e organismos socioculturais que xestionan proxectos culturais; museos que perseguen a difusión do seu patrimonio; bibliotecas que impulsan a dinamización cultural da súa contorna; ou empresas con gabinetes de comunicación ou calquera actividade profesional relacionada coa industria cultural.

De xeito pormenorizado, a memoria do grao inclúe cinco campos profesionais principais; a docencia, no ensino superior ou medio para impartir materias humanísticas e relacionadas coa produción, xestión e difusión cultural; a produción e xestion cultural en institucións públicas e privadas; o sector editorial, con coñecementos técnicos e artísticos para levar adiante a edición dun produto cultural; a produción e difusión de eventos culturais; e a xestión de bens e servizo culturais.

Prácticas e viaxes

Para levar a cabo as prácticas externas, a facultade ten convenios de prácticas con servizos de distintas administracións, como o Servizo de Cultura e Arquivo do Concello de Lugo, o Museo Provincial, a Biblioteca Pública Provincial, o Servizo de Cultura da USC, ou o Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación de Lugo.

En canto á posibilidade de facer unha estadía nunha universidade estranxeira ou noutra española, o centro conta con 24 convenios Erasmus e 4 Sicue.

Persoal e material

 No momento de aprobarse a memoria do grao, en 2010, a facultade contaba cun plantel docente de 45 persoas, no que se incluían 2 catedráticos, 27 titulares de universidade; un de escola universitaria; 6 contratados doutores, un axudante doutor; cinco profesores asociados; dous colaboradores e un lector. O grao facía precisa a incorporación de dous profesores, un de Comunicación Audiovisual e Publicidade e outro de Xornalismo.

A facultade de Humanidades comparte con Relacións Laborais e coa Escola de Enfermería o edificio do complexo docente do campus. Conta cun laboratorio de idiomas con 20 prazas, dotadas con auriculares; unha aula informática, con 23 ordenadores e aulas dotadas con ordenador e pantallas.

Itinerario

  • Mellor ter cursado a rama humanística
  • Aínda que non se esixe ningunha formación previa específica, a memoria do grao recomenda que o alumno teña cursado a rama humanística do bacharelato.
  • Cualidades Ademais, sería desexable que os estudantes teñan certas cualidades, como percepción do devir histórico; capacidade de relación dos feitos históricos co seu contexto actual; interese polos movementos estéticos, ideolóxicos e políticos do século XX; capacidade de razoamento lóxico; gusto pola lectura e a obra literaria; gusto pola contemplación da obra de arte e sensibilidade; interese e capacidade comunicativa nunha lingua estranxeira; interese polos produtos audiovisuais de ficción, produción e difusión; gusto pola claridade e rigor na exposición e na argumentación e actitude crítica e inclinación á reflexión, o razoamento e o diálogo.

 

Continuidade

  • Un máster segue a mesma liña
  • A facultade Humanidades non é allea á orientación deste novo grao. Desde hai varios anos leva impartindo un máster universitario en Servizos Culturais que xa recollía algunha destas liñas que agora se desenvolven no grao e que acadou un importante número de titulados no tempo que leva funcionando. De feito, é un dos másteres da USC con maior número de matricula. O máster continua ofertándose na facultade luguesa, e conta dous enfoques, un orientado á práctica profesional e outro cara a investigación.

Cambio de estudos

  • Os alumnos que están cursando actualmente a licenciatura en Humanidades poden optar por pasarse ao grao, para o que se lle convalidarán parte das materias que levan cursadas e terán que facer outras específicas a maiores.

A cultura como traballo
Comentarios