Cultivo de cruces

Foto: J. VÁZQUEZ
photo_camera Foto: J. VÁZQUEZ

DISQUE EN LUGO non abunda a industria. Chego tarde a desmentilo. Moitos polígonos empresariais son chairas urbanizadas, como o parque das Gándaras, inaugurado contra fins de 2011. A entón concelleira de Infraestruturas, Paz Abraira, explicara que aquel baleiro urbanizado, soñado pola cabeza bicéfala do bipartito, era «unha oprtunidade para o crecemento e a creación de emprego en Lugo». Non llo reprocho, nese tempo albiscabamos unha luz ao fondo do túnel. Apagouse. Aínda hai pouco atravesei ese parque para ir comprar unhas «zapatillas de running» -traduzo: ‘tenis para correr’- nun dos poucos sitios con sinais de vida humana que hai nas Gándaras. Habería que declarar derogado o código da circulación neste páramo de beirarrúas, pasos de cebra e rotondas tan aparentes coma inutilizadas. Houbo un tempo en que os políticos soñaron con duplicar Lugo, querían que a cidade industrial igualase en extensión á cidade residencial. O sopro feroz da miseria arrastrou lonxe esa entelequia. As Gándaras atoparon un novo destino: acoller un museo de arqueoloxía industrial. Os lucenses temos conciencia permanente da nosa finitude. O filósofo Martin Heidegger -que non era de Lugo, pero gustaba do xamón galego- aseguraba que o home é «un ser para a morte». O noso desenvolvemento industrial de primeiros deste século finou logo de xurdir. Naceu e faleceu, case ao tempo. Semella que alguén que sabe que a morte é negocio seguro decidise cultivar cruces nas Gándaras.

Comentarios