Costumismos

"O feito de que houbese unha moi importante morea de galegos exercendo de ministros na capital do estado non podía garantir que o desenvolvemento galego ía facerse mellor". Son palabras de Fermín Bouza en relación co pasado, e semella que poucos negan a súa vixencia actual. Digo "semella", pois cando se dan tales tesituras —inminencia ou advento dun ministro orixinario de Galicia— en substancia pouco se acaba falando sobre este país e mailo seu desenvolvemento.

Son evidencias políticas que converten a mencionada tesitura máis nun fenómeno de degustación costumista ca de expectativa socioeconómica. Todos falamos do tema, xaora, pero vexan de que maneira: puxeron a Fulano, halles de ir ben aos de Palas; puxeron a Fulano, un chacaritas que nin a carreira acabou; puxeron a Fulano, e non se debería esperar favor territorialmente particular de quen ten máis altos e xerais intereses dos que ocuparse; puxeron a Fulano, e o desprezo da súa figura patentiza o provincianismo aldeán e mesquiño nesta sociedade. O comentario, xaora, pode ter raíz fundamental en opinión razoada; pero seguramente nalgún caso se daría rastrexado motivación ou sensibilidade clasista, partidaria, territorial.

Tan corrente é seguir o emulador impulso dun paisano triunfante coma a tendencia a denigralo con pretexto diverso. Tan inconveniente, así mesmo, esixir pedigree universitario para todo gobernante coma radicar a clave mestra do éxito na consagración madrileña. A miúdo un le e escoita censura da actitude e perspectiva particularista (eu chámolle nacional) de maiorías políticas catalá e vasca, e as dunha significativa minoría aquí, entre nós; paralelamente, dos dixomedíxomes e aloumiño citados máis arriba dedúcense un par de lugares comúns que case ninguén entre nós ignora nin deixa de conectar: o Madrid político segue unha lóxica diferente da galega; no Madrid político, preferiblemente á caladiña, pódese acadar algún favor ou beneficio. "Cando chegue a Madrid, xa falarei con premura", dicía o electo betanceiro en célebre conto tradicional.

De todo e tal asunto debe entender bastante Fermín Bouza, á fin e ao cabo catedrático de Socioloxía na Universidade Complutense desde hai anos. Nos últimos días, publicaba a prensa diaria dúas manifestacións do noso paisano José Blanco: en El Progreso, que o da ponte de Lugo ía decontado. Noutra parte, que a primeira entrevista, con Esperanza Aguirre; a primeira viaxe, a Barcelona.

Habitual e cristalino. O desenvolvemento, claro, é cousa diferente.

Comentarios