''Coñezo a zona rural, coas súas miserias e virtudes; creo que é un sitio onde se pode facer política''

Manuel Chaín (A Fonsagrada, 1960) debuta na política pero non na vida pública, xa que ata a súa designación como candidato do PSOE era o secretario xeral da UXT de Lugo, un sindicato que non cre enfrontado co Goberno de Zapatero, malia que bota en falta que se explicaran mellor as medidas contra a crise económica.

Non é estraño que os sindicalistas da UXT se integren en listas do PSOE, pero non que o fagan nestes tempos de discrepancias co Goberno de Zapatero. ¿Por que decide ir na candidatura de Orozco?
Eu ademais de ser membro da UXT son militante do PSOE e penso que dentro do partido pódense facer proxectos interesantes. Ademais, decido ir na lista porque o alcalde dime que podo aportar algo e entendo que é bonito traballar nun proxecto que mire polo benestar dos veciños. Non é moi distinto da ilusión que tiña na UXT, porque cando pedías ou reivindicabas algo estabas mirando de lograr certas melloras nas condicións laborais dos traballadores e nas sociais para o momento no que saen do seu posto. Isto é unha continuidade e en lugar de reivindicar hai responsabilidade para buscar unha liña de traballo para que iso se materialice.

E que lle parece o enfrontamento xurdido entre o Goberno e a UXT polas reformas ante a crise?
Eu máis que discrepancias ou enfrontamentos chamaríalles distintas maneiras de ver e abordar os problemas. A UXT ten as súas ideas e o Goberno opta por outras liñas. Os problemas ás veces pódense solucionar desde varios puntos de vista. Eu sigo pensando que nesta crise na que os traballadores nunca tiveron culpa hai algunha acción de goberno que non se entendeu porque posiblemente non foi ben explicada. E as discrepancias moitas veces veñen precisamente por iso, por non haber unha comunicación máis clara.

E dentro desde goberno tócalle a área de zona rural...
Non me toca, pídoa.

O caso é que asume esa tarefa logo de que o PSOE perdese apoios nesas mesas electorais. Chega vostede para recuperar terreo perdido?
As porcentaxes de baixada de voto foron as mesmas que na zona urbana e nós sempre achacamos isto a que as políticas económicas do Goberno central nesta coxuntura económica nos levaron a perder votos, pero tamén temos que valorar que perdemos menos que noutros sitios, o que nos deu a posibilidade de formar goberno.

E porque pide logo zona rural?
Porque me gusta, porque eu son dunha aldea da Fonsagrada e traballei bastantes anos cos gandeiros como veterinario. Penso que coñezo perfectamente a zona rural, coas súas miserias e virtudes, e creo que é un sitio onde se pode facer política. Calquera cidadán urbano, cando se lle arranxa unha beirarrúa, o que di é que xa era hora, mentres que no rural hai case un sentemento de propiedade e cariño polas obras públicas. Por iso creo que é un área máis agradecida.

Cales son as necesidades máis urxentes da zona rural de Lugo?
Atender os veciños, porque eles saben perfectamente que é o que necesitan. Loxicamente, é moi importante o arranxo das infraestruturas ou a planificación dalgunha nova, que non adoitan ser dunha enxeñaría moi complicada. Tamén tentamos dar servizos que non están implantados e o noso proxecto estrela ten que ser o saneamento, pero o finanzamento é moi complicado. É unha obra cara e aí ten que estar a Xunta para axudar. O alcalde xa lle escribiu ao conselleiro e sabemos que a súa terquedade ben entendida ten que servir para que se nos escoite. Tamén traballaremos na recuperación de lavadoiros, cruceiros e fontes, e na apertura de centros cívicos, aínda que xa quedan poucas parroquias sen eles.

Como se vai conseguir todo isto se hai un recorte orzamentario?
Repartiremos ben os cartos, equitativamente por todas as parroquias. Hai que traballar co que temos e imos atender os veciños dentro das nosas posibilidades.

Comentarios