NAS ÚLTIMAS datas, César Carnero incrementou os seus xa amplos coñecementos sobre os fondos patrimoniais da diocese de Lugo para “coñecer máis polo miúdo” a realidade do Bispado neste ámbito. Estrea o posto de máximo responsable da área de Patrimonio Histórico Artístico, desde a que pretende, como idea máis sobranceira, crear unha rede museística para aglutinar fondos da diocese.
Estrea un cargo de nova creación no Bispado. Sorprendido co nomeamento?
Foi unha sorpresa relativa. Don Alfonso [Carrasco] e máis eu coincidíramos en Madrid e el sabía da miña preparación e a preocupación que tiña polo patrimonio. Desde que se soubo que el ía ser bispo de Lugo, xa coincidíramos. Supoño que cando pensou en crear este posto, repararía en que eu tiña estes intereses.
Nas semanas que leva no posto, deulle tempo a crear un listado das necesidades?
Temos falado dentro do bispado de cales serían as liñas mestras do patrimonio cultural da diocese, que é moi ampla, porque abarca A Coruña e Pontevedra. Primeiro, coido que ao medio rural hai que prestarlle atención, estase a despoboar. Isto é algo que tamén lle preocupa a don Alfonso. Esta diocese abrangue moito territorio do rural e hai un importante patrimonio cultural aí. Por outra banda, é fundamental levar a cabo unha catalogación dos fondos que posúe a diocese, englobando non só construcións, senón tamén ourivería, retablos ou pinturas.
Teñén xa algunha idea de como artellar estas actuacións?
Con relación ao tema do rural, a solución non é carrexar todo para Lugo. A opción sería montar unha rede museística pola diocese, con cinco ou seis centros. Non moitos, porque iso tamén supón un custo. Deste xeito tamén se poñería en en valor as riquezas patrimoniais e poderíase recoñecer o que ten a diocese.
Para cando esta actuación?
É un proxecto a longo prazo. Serviría dalgún xeito para contextualizar cada zona. Dar impulso para afianzar unha identidade entre os lugares da diocese. Por exemplo, a creación dun museo do Camiño ou sobre o Románico na Zona Sur.
Hai un problema recorrente nos últimos anos, o dos roubos, por riba de todo nas comarcas de A Montaña e na Ribeira Sacra. Como pensa combater isto?
É un traballo para o que temos que concienciarnos todos. Hai que afianzar o que eu chamo protocolos de actuación rutinarios; gardar as cousas, como pezas de ourivería, que resultan moi golosas, e revisar as igrexas ou capelas cando pasan moito tempo sen ser abertas. En casos específicos pódese plantexar a instalación de alarmas.
Cales son os grandes piares do patrimonio histórico-artístico da diocese?
No que destaca a diocese de Lugo é o no seu legado da época do Románico. Coido que non existe en Galicia outra que conte con tanta calidade e abundante en referencias desa época. Son obras de excepcional valor. Estou pensando en Meira, Vilar de Donas, San Antolín de Potes... E despois na Zona Sur xa son incontables as mostras.
Hai aberta unha porta para a investigación, vencellada á catalogación?
Si, coido que aí hai un campo para traballar. Nesto quero acordarme de Xaime Delgado, que foi o meu mestre, e ten feito excepcionais estudios do Románico. Tamén está Nicandro Ares, aínda que máis atento ao estudo de textos. Hai unha serie de estudos en marcha, pero paréceme que non hai recambio para os especialistas. Debemos buscar colaboradores nesta parcela e pensar que o patrimonio da diocese ten que estar aberto ao público.
A diocese ten a súa sé en Lugo, pero semella que o seu patrimonio está eclipsado pola muralla...
Dá esa impresión, si. Pero a catedral e a muralla son as referencias patrimoniais de Lugo. Penso que habería que potenciar máis ámbalas dúas cousas. Espero que saia adiante un museo modélico dentro da propia catedral, que é unha xoia descoñecida, porque conta, por exemplo, co coro de Moure, que é, e non o digo só eu, a mellor sillería do século XVII que existe en España.