Carlos Herrero: ''Resolvimos el futuro urbanístico del campus para 25 años''

CARLOS HERRERO MARCHA agradecido do  cargo e non cansa de manifestarlle ao reitor saínte, Senén Barro, a  súa gratitude. Vai satisfeito, pero con algunha espiña cravada. Este xoves deixou o despacho de Pío XII despois de oito anos coordinando o campus de Lugo, un cargo no que, di, aprendeu moito. "Foron anos complicados, pero apaixoantes", resume Herrero sobre o seu paso pola Vicerreitoría.

PREGUNTA: A fin de mandato foi moi lucida, coa inauguración de edificios e presentación dos novos graos...
RESPOSTA: A verdade é que estou bastante satisfeito. Coincidiu así, pero levábamos traballando nelas moito tempo.

P: Hai algo que o desluza?
R: Algo si, a parte da musealización dos restos arqueolóxicos da vicerreitoría non está rematada aínda e tamén se retrasou un puco o laboratorio de Ciencias; a obra está practicamente rematada, pero falta o equipamento, que se fará no primeiro trimestre do curso.

P: En canto aos graos, por onde habería que seguir agora para completar a oferta académica?
R: Non é unha decisión que tome unilateralmente o equipo reitoral, senón que se fai nos órganos colexiados en connivencia co Sistema Universitario Galego. O campus ten potencialidades por desenvolver e habería que seguir profundizando na súa especificidade, con máis oferta académica ligada á saúde, ao abano tecnolóxico e facer apostas polos másteres, sobre todo os que están ligados a capacitacións profesionais.

P: A ampliación do edificio da Vicerreitoría foi polémico no seu momento. Cre que agora que está rematado convence?
R: Non vou entrar na estética do edificio, hai a quen lle gusta e a quen non, pero para opinar primeiro hai que chegar ao final. Sempre xerou discusión e seguirao facendo, pero eu creo que acertamos coa idea de facer compatible un edificio moderno coa posta en valor do xacemento. Ademais, é o único sitio de Lugo onde a muralla se pode ver en relación co seu pasado romano. Cando a xente poida pasear entre os restos, a nove metros baixo a rúa, verase que foi unha decisión acertada.

P: Coñece a percepción do equipo electo sobre o Campus 2015? Pensa que seguirán por esa senda?
R: O Campus 2015 perseguía dous obxectivos, dispor de terreo na  Avenida de Madrid pendente de expropiación que permitise facer edificios de servizos, investigación e docencia e deportivos, e garantir unha zona de expansión do campus e incluilo no planeamento urbanístico para que non quede constreñido. O PXOM contempla ao Leste unha reserva de 30.000 metros cadrados de terreos adscritos a usos universitarios, ademais da cesión da finca de prácticas por parte do Concello por 49 anos. O que se fará aí decidirao o novo equipo.

P: Cando se presentou parecía que eran actuacións concretas...
R: Se se entendeu así, entendeuse mal. Tratábase de facer unha planificación de terreos de cara ao futuro, o que pasa é que cada parcela leva asignado un determinado uso urbanístico. Creo que foi unha operación intelixente, resolvemos o futuro urbanísitico do campus para os próximos 25 anos.

P: Leva algunha espiña cravada?
R: Eu son un tipo permanentemente insatisfeito, así que sempre me gustaría ter feito máis. Quizáis nos quedou un certo débito con determinados sectores do persoal de administración e servizos (PAS) aos que lles tiñamos que ter mellorado algunhas condicións laborais e por múltiples circunstancias quedou encetado no camiño.

P: Que vai facer agora?
R: Volvo ao meu posto de docente na facultade de Ciencias. Teño concedido un ano sabático, o que significa é que estás eximido de dar clase, pero tes que presentar un proxecto investigador e dicir onde se vai desenvolver. Eu vou ir a unha universidade estranxeira, seguramente nos Estados Unidos, e quero escribir un libro sobre quimiometría de investigación.

P: ¿Tentarao a política?
R: Por que?

P: É un ruxerruxe que se oe de vez en cando...
R: Ese ruxerruxe xa soou hai catro anos. Non teño pensado, pero nunca digo desta auga non beberei, porque tamén lle dixen ao reitor que estaría só catro anos e foron oito.

Comentarios