Bienvenido, Mr. Carrasco

Bienvenido Mr. Carrasco

O nomeamento de Alfonso C. Rouco como bispo de Lugo veu traer a relixión ó primeiro plano informativo. A diferencia de Santiago ou doutras cidades milenarias, Lugo non semella demasiado empapada de espíritu relixioso. Non se ven igrexas e capelas en cada curruncho, nin altares nas fachadas das casas, nin símbolos de mosteiros nos dinteis dentro da muralla. Tampouco é habitual ver monxas ou frades pola rúa. E imaxino que as igrexas se nutren os domingos, cada vez máis, de inmigrantes. É certo que a catedral ten a súa grandiosidade e o bispado realiza multitude de actos como a publicación da sempre recomendable revista Lucensia, que, por certo, ven encher un oco no coñecemento da historia da provincia.
Non cómpre esquecer as moitas igrexas do medio rural do concello e, especialmente, os petos de ánimas que aínda se conservan incluso dentro da cidade. Caso aparte son os colexios relixiosos, pero estes convén máis analizalos dende o punto de vista empresarial que do espiritual. É decir, a arquitectura relixiosa ten unha presenza moderada en Lugo e, polo tanto, os cidadáns exhiben un catolicismo moderado tirando a perfil baixo. A figura afable e conciliadora de Frei Xosé Gómez, unha das persoas que mellor falan en galego de Galicia, tamén contribuiu ó normal desenrolo da vida relixiosa luguesa.
E esta atonía resulta curiosa tendo en conta o enorme poder que a igrexa tivo e ten na provincia. Aí están Samos, Lourenzá ou Mondoñedo coas súas macroconstruccións en forma de templos e mosteiros. Aí está o rosario (claro) de igrexas románicas espalladas pola Ribeira Sacra. Aí está o Camiño de Santiago e as igrexas adxacentes... Todo un legado histórico-artístico que se mantén en boa medida gracias ás administracións públicas.
Por suposto, non imos deixar no tinteiro ós moitos dirixentes políticos, de todo signo pero especialmente do nacionalismo moderado, que pasaron polas aulas do seminario. E, xa postos, teñamos en conta a condición de demiurgo que durante décadas se lle atrubuiu ó noso entrañable Francisco Cacharro.
A pasada semana saía neste xornal un informe que alertaba da escaseza de vocacións sacerdotais e do envellecemento dos curas de Lugo que cada vez teñen que facer máis quilómetros para atender ós seus fregueses. Eu mesmo fixen unha reportaxe sobre o meu amigo D. Pejerto Torres que cada domingo visita oito parroquias facendo oitenta quilómetros.
Esa é, a grandes rasgos e vista dende fora, a realidade da diócese na que vai tomar terra D. Alfonso Carrasco Rouco. Creo que os fregueses e tamén os descreídos van comparar ó novo prelado con tres das figuras que deu a igrexa luguesa: o actual bispo Frei Xosé Gómez, o cardenal Rouco Varela (o seu tío, si) e o máis polémico e divertido Gea Escolano. Eu, persoalmente, preferiría que se comportara como Gea Escolano. Non é que comparta as opinións do agora misioneiro pero as súas diatribas sempre conseguían espertar o interese dos ouvintes: ben para secundalas, ben para alporizarse por elas ou, como no meu caso, para botar unhas risas. Non sei como será este novo bispo pero seguiremos atentos por se se lle poden aplicar, como a Gea, aqueles versos de Machado "... el jueves santo salía, llevando un cirio en la mano ¡Aquel trueno!, vestido de nazareno”.

Comentarios