Ata vernos

Igual que ó principio do verán mencionei a chegada a Lugo das moreas de emigrantes, especialmente dos afincados en Catalunya, para pasar a época estival entre nós, é agora o momento de despedilos ata o ano que ven ou, no mellor dos casos, ata a próxima “edición” do Nadal. Tal vez a romaría do monte Faro, na que se celebra a natividade da virxe, sexa o derradeiro gran acto no que se congreguen os emigrados. Logo da festa, comeza oficialmente o longo outono.

Nestes dous meses restablecéronse lazos familiares e afectivos que o día a día do resto do ano fan esmorecer. Unha vez máis, recollemos números de teléfono e direccións de correo electrónico e comprometémonos a facer -esta vez si- a sempre aprazada viaxe a Barcelona “calquera fin de semana” nun vó de baixo custe.

Tamén en Xullo e Agosto puidemos constatar como as diferencias entre a comunidade luguesa no resto do estado e a que reside na provincia son cada vez menores. Os i-pod, teléfonos case máxicos, os pelos engominados e os tacóns infinitos ou as tatuaxes e a devoción polos coches son fenómenos comúns a toda a xuventude deste e do outro lado dos Ancares.

A asistencia a feiras e festas, a compra compulsiva de todo aquelo que é máis barato que en Madrid, Barcelona ou Bilbao e o repaso das obras públicas e novos negocios con respecto ó anterior exercicio constitúen a base da actividade dos emigrados mentres permanecen entre nós. Por certo que, este ano, algún terá alucinado coa cantidade de segas e mallas tradicionais que houbo.

Nos derradeiros días do verán apreciei que o brillo dos ollos da maior parte dos emigrantes deixa ás claras o moito que lles gusta estar aquí e o asumido que teñen o feito de que o seu lugar no mundo está xa fora do país. Penso que para nós aínda hai ventaxas pero...qué sentirán todos eses subsaharianos que veñen vender mercadurías ás festas de Lugo e que teñen a certeza de que nunca volverán ver á súa familia?

No que si hai unanimidade é no feito de que ninguén botará de menos ó “emigrante rosmón” que non falta en tódalas vilas. Trátase duna alteración da personalidade que está a ser concienzudamente analizada por especialistas da universidade de Vladivostok. O emigrante rosmón réñenos por todo: polo que fixemos, polo que non fixemos, polo que temos pensado facer, por non amosarlle pleitesía, por non aceptar o seu liderazgo natural, por non recoñercerlle a posesión da verdade... Unha xente que é mellor tela lonxe e que encarna a peor herdanza do “allá no es como acá”.

Comentarios