Aspirina

Ata o de agora , eu nunca vivira unha crise financieira. Non digo que me estea afectando xa que os que vivimos á cuarta pregunta bastante temos con chegar a fin de mes como para andar preocupándonos pola cotización das accións da empresa X ou a corporación Y. Tampouco o impacto do prezo do petróleo é algo que nos atinxa demasiado; se poña como se poña a OPEP, a gasolina en Lugo sube pouco e baixa nada. Sei que en anteriores ocasións (creo que en 1993 e 2005) houbo problemas financieiros pero, polo que trascendeu, non deberon ser gran cousa.

En cambio, desta volta, parece que estamos ante a nai de tódalas crises. Non creo que haxa moitos, a pesares do envellecido da nosa poboación, que lembren o famoso crak bursátil do 29 (máis que nada porque xa daquela eramos pobres) así que teremos que convir que a tódolos lugueses este "fenómeno económico" nos está collendo por sorpresa e sen experiencia.

Pero como non hai mal que por ben non veña, a crise tamén é unha fonte de riqueza, non material pero si informativa. Por exemplo, e segundo o Xefe de Neuroloxía do Hospital Puerta de Hierro de Madrid, Hugo Liaño (polo apelido, xa estará Antonio Riva estudando a conexión luguesa do doutor para plasmala na contraportada deste xornal) a situación da economía vai provocar que se incremente o número de cefaleas.

Os problemas económicos e laborais favorecen o exceso de tensión nos músculos da cabeza, o que leva a que padezamos cefalea de tipo tensión. Segundo di Liaño, o 80 por cento das persoas padeceron polo menos unha vez durante o derradeiro ano esta modalidade de dor de cabeza. O caso é máis grave nas mulleres debido ós cambios hormonais. Para combater estes quebradeiros de cabeza derivados dos quebradeiros bancarios, recoméndasenos recurrir á hidroterapia ou practicar deportes como a natación, non deitarse recén ceado ou evitar esceas violentas e agresivas. En resumo, jacuzzi, piscina e tranquilidade bucólica... xusto todo o que nos podemos permitir en tempos de crise.

Que a situación financieira ía traer dores de cabeza era algo que sabiamos sen necesidade dun estudo científico. E que para evita-las cefaleas hai que vivir ben tamén nos constaba. En fin, enchan os caixóns de sucedáneos de aspirina para loitar contra a crise e contra as obviedades derivadas da mesma.

Espero que non haxa lugueses entre os expertos de cinco comunidades autónomas que van investir catro millóns de euros en descifrar TATACHÁN!... O xenoma do melón.

Comentarios