Antón Bao: ''Seremos un gobierno único y leal, con las diferencias políticas de los dos''

Acaba de cambiar o despacho da Diputación polo do Concello, que di está «a pé de rúa», como cre que debe ser a política municipal. Logo dunha semana de bipartito, Antón Bao cre que será un gobierno «único e leal», con autonomía e coas diferenzas políticas de BNG e PSOE.

Acaba de aterrar na concellería de cultura, turismo e promoción da lingua e di que xa está metido de cheo na organización do San Froilán, o primeiro gran reto logo da volta do BNG ao goberno do Concello. Nesta entrevista analiza dende o pacto suscrito co PSOE, pasando polos proxectos da súa área e ata o futuro da súa formación, que acaba de sufrir unha gran perda den votos.

Logo dunha semana de goberno bipartito no Concello, ten as mesmas sensacións que na Deputación ou nota cambios?

A pesar de ser corporacións locais son moi diferentes. No Concello hai que estar totalmente a pé de rúa, o cal é positivo, porque a xente estache constantemente preguntándoche cousas, pedindo, facendo suxestións... polo ten unha dinámica completamente distinta á da Deputación. En canto ao goberno, no Concello hai unha xestión de servizos e a acción de goberno ten unha incidencia directa nos cidadáns. Na Deputación actúase máis de intermediario entre os concellos. Xa a nivel persoal, cando chegamos ao goberno provincial tivemos que iniciar nas áreas que gobernabamos uns proxectos desde cero, mentres que agora entras xa con moitas dinámicas, proxectos iniciados, cuestións que son periódicas e que hai que poñer en marcha como organizar o San Froilán. En canto ao goberno de coalición, agardo que consigamos poñer en marcha os puntos programáticos previstos e os que xurdan, e que o fagamos como nos comprometimos, como un goberno único, leal, coa autonomía e as diferencias políticas que nos marcan aos dous, pero que sexa beneficioso para os lucenses.

Teñen 64 puntos por desenvolver, pero cal é agora mesmo o primeiro no que se poñerán a traballar?

A prioridade máxima vai ser crear emprego. Temos que poñernos a traballar xa desde a semana vindeira en todas aquelas cuestións que apuntamos que poderían ser importantes á hora de acabar coa lacra do paro e que se empecen a poñer en marcha e conseguir que sexan efectivas. E seguiremos facendo un chamamento á Xunta e ao goberno do PP, que é quen ten as máximas competencias, para que fagan algo, polo menos algo.

O Goberno central espera que o turismo tire do emprego para saír da crise. Pode axudar tamén a Lugo ou non ten a suficiente importancia para a economía da cidade?

Todos os factores son importantes para intentar incidir na recuperación económica. Nós cremos que o turismo pode axudar a ser motor de desenvolvemento económico, pero evidentemente non vai ser o único, aínda que creamos que pode ser importante.

Por que elixiron no BNG gobernar áreas como infraestruturas, cultura e turismo?

O primeiro polo que apostou o BNG foi por ter un programa de goberno e nel aparece reflectido todo. Deixamos nun segundo plano o que era a elección daquelas áreas de responsabilidade, tema ao que se lle adicou moi pouco tempo. Porque se escolleron estas? Pois antes houbo un proceso de negociación no que se barallaron varias posibilidades, o PSOE tiña as súas propostas e finalmente tomouse esta decisión. O BNG leva infraestruturas para intentar conseguir que a planificación das melloras nos barrios, das vías de comunicación da cidade ou as obras que se fagan con outras administracións estean sempre baseadas no rigor na seriedade e no control.

Logo, cultura e turismo son unhas áreas nas que o BNG xa demostrou que pode facer un bo traballo e intentaremos refrendalo, pero a nosa presenza neste goberno é para facer un traballo conxunto e que estea presente en todas as áreas de goberno.

Pero haberá temas que os dividan como o urbanismo...

Xa dixemos que o BNG non vai dar nin un paso atrás no posicionamiento que mantivo no PXOM que aprobaron PSOE e PP, e nas cuestións que non están aprobadas pola Xunta e nas que aínda se pode chegar a acordos miraremos a ver, pero nós imos seguir estando en contra dese plan e quixémolo deixar claro desde o principio. Pero porque manteñamos diferencias políticas, non ten que significar unha ruptura no goberno. 

O BNG está agora nos niveis máis baixos de voto dos últimos anos, a pesares de gobernar no Concello e na Deputación. Como pensan mudar esta tendencia á caída de voto?

Temos debatido moito deste asunto e non se nos escapa que é unha situación preocupante, pero ao que nos comprometemos todos no BNG é a buscar á sociedade lucense; temos que chegar máis constante e diariamente a explicarlles o noso proxecto. De todos modos, o resultado electoral do BNG débese a moitos factores, como que non fósemos capaces de explicar os nosos proxectos. Tamén nos levou por diante a vaga de voto en contra das medidas que se están tomando contra a crise e que provocou un voto de castigo que se centralizou no PP. Logo hai outra cuestión que é necesario arranxar e que non escondemos, como é a división interna no BNG, porque a calquera forza a división pásalle factura.

POLÍTICA CULTURAL
«Ao Mihl témoslle que dar un contido real, non só virtual»

Cultura sempre é unha prioridade para o BNG. Vai haber cambios con respecto ao que se fixo ata o de agora?

Hai que pensar sempre en ir mellorando e introducindo cambios. Temos xa delimitado os elementos dese proxecto de política cultural no Concello e en primeiro lugar está a participación da cidadanía, que ten que estar presente en todos os eidos da vida municipal. Este verán traballaremos na constitución do consello municipal da cultura, que terá como obxectivo coordinar e planificar a actividade cultural que se faga tanto desde o Concello como das asociacións. Tamén é importante contar cunha programación estable, en todas as épocas do ano, e neste punto dende a Deputación demostramos que se poden organizar actividades no verán porque hai demanda delas.

Que proxectos concretos se van desenvolver?

Pois por exemplo, crear a escola municipal de música arredor da banda ou poñer en marcha un proxecto arredor do teatro ou do cine, porque hai demanda de cine menos comercial.

En canto ás instalacións culturais, hai que ver as obras que necesita o museo de San Roque para darlle unha solución, porque non pode seguir pechado e teremos que buscar financiamento. Tamén pensamos crear o museo de arte contemporáneo, porque temos artistas de renome internacional e hai que ter un recinto destas características. Imos buscar ubicación e miraremos se se podería adaptar a sala Porta Miñá...

E que van facer co Mihl, un proxecto que rexeitaban?

Imos adecualo. Nós non o críamos prioritario, pero xa está aí, así que temos que buscarlle a máxima rendabilidade. Témolle que dar un contido real, non só virtual e ver como podemos aproveitalo máis para sacarlle o máximo partido.

No Gustavo Freire tamén cremos que hai adaptacións na xestión que se deben acometer e seguir moi atentos e esixentes nos prazos de apertura do novo auditorio e o museo da romanización. Tamén queremos ir cambiando os usos das naves de Frigsa, para que todo o parque sexa un complexo cultural e deportivo. É unha planificación global para que a cultura teña un papel protagonista na política municipal e por iso imos intentar que os axustes económicos non afecten tanto a esta concellería..

Comentarios