Ana María Bravo: ''Sentimos un apoyo por parte de los ciudadanos muy fuerte''

Ana María Bravo (Foto: XESÚS PONTE)
photo_camera Ana María Bravo (Foto: XESÚS PONTE)

Ana Bravo leva máis dunha década vinculada á xestión da facultade de Veterinaria, e como decana electa os últimos cinco anos. A ela tocoulle festexar o primeiro cuarto de século dun centro que cambiou a historia do campus e facer balance desta andaina.

PREGUNTA: A facultade de Veterinaria leva 25 anos formando titulados que antes viñan de fóra, que consecuencias tivo para o entorno?

RESPOSTA: A veterinaria ten un abano moi amplo de funcións e había necesidade de formar veterinarios especializados nas necesidades de Galicia. Temos unha produción de vacún, en carne e leite, das máis importante do Estado; unha fauna silvestre moi importante e unha acuicultura que é a maior produtora de Europa en peixe plano. Entón, claro, antes formábanse noutras autonomías, nas que o cadro é diferente e aplicado aquí perde eficiencia. Os expertos europeos valoraron que tocamos parcelas moi importantes da produción, e tamén é importante a investigación, que repercute na mellora da sanidade, control e saúde pública galega.

P: Ademais do punto de vista produtivo, medrou o papel do veterinario en saúde pública...

R: Si, a Unión Europea, a OMS e a FAO están a desenvolver o concepto ‘One Health’, unha saúde, porque a saúde dos animais repercute na dos humanos. Este é un campo moi importante no que a facultade traballa para asesoramento da Xunta de Galicia sobre programas de control e prevención das enfermidades que poden pasar aos humanos, as zoonoses, e tamén das que teñen repercusión económica aínda que non pasen aos humanos, como a lingua azul. Se non instauras programas de control, o que pasa é que os animais non se poden mover e increméntanse aínda máis as perdas. O sector agrario leva máis de 25 anos en crise. Dende a facultade intentamos axudar investigando para controlar e erradicar as enfermidades, ou mellorando os sistemas de produción, e hai liñas de investigación moi fortes neste eido. A día de hoxe, no campus de Lugo é a facultade que máis produción científica xenera e na USC é un dos centros que máis ingresos ten por investigación.

P: Falase de déficit de alumnos de terceiro ciclo e de investigadores, cal é a situación en Veterinaria?

R: O problema, entre comillas, é que temos un grao moi alto de empregabilidade. A media para atopar traballo é de tres meses e medio e por iso é máis difícil atopar recén graduados que queiran facer posgraos. As universidades teñen unha situación de precariedade do persoal que está en formación. Os soldos son baixos, tendo en conta que son a elite da formación académica. Ás veces costa traballo, pero sempre atopas algún estudante que queira seguir formándose e investigar. É unha facultade nova, pero hai xente que leva 25 anos dando clase. Xa se xubilou un profesor e hai que empezar a renovar.

P: Non debe de haber mellor celebración dos 25 anos que os resultados da avaliación europea...

R: É o mellor premio que podemos ter. Ademais, antes había unha tendencia a pensar que a facultade de León era a importante, porque ten 150 anos, e que a xente que estudaba aquí era un pouco por quedar na casa. Pois ben, a de León pasou tres avaliacións e aínda hoxe non cumpre os requisitos. Agora notamos un apoio dos cidadáns moi forte. Sempre o tivemos das institucións, pero agora sentímolo a pé de rúa. E tamén nos felicitan a nivel europeo. A facultade de Lugo é un referente.

P: Non entanto, sinalouse un déficit en persoal de apoio...

R: É certo que necesitaremos mellorar a ratio de personal de apoio e docente. E no hospital, tamén nos dixeron que hai sobrecarga. A situación máis crítica vívese nas áreas clínicas e tamén na de produción animal, aínda que a falta de persoal de apoio e servizos é extensiva a todas as áreas. Tamén hai que dicir que o que temos está moi motivado e que traballou arreo para a avaliación. Sei que a USC está facendo un estudo, pero ten que valorar que non todas as titulacións son iguais. Nós traballamos con animais vivos, e iso esixe máis persoal.

P: As clínicas quéixanse de competencia desleal no hospital. Cal é a súa opinión?

R: Entendo que a crise lles afecte, pero orquestraron unha campaña totalmente inxusta coa facultade, que facilita o seu traballo. En 2007 pedínlles un prego coas cousas que pensan que o hospital debe deixar de facer para negociar un acordo, e non recibín nada. O hospital non se anuncia, non utiliza métodos agresivos para captación de clientes, non pon microchips, pero ten que ter unha labor social e asistencial. Nós non podemos ir a outro sitio e temos que ter un nivel de casuística. Pero sigo pensando que falta diálogo e que podemos chegar a un acordo, aínda que parece que non hai interese.

Comentarios