Alfabeto xaponés

Dar a benvida o aninovo no medio da zozobra que nos axita, é case un acto de boa vontade que precisa de toda a fantasía propia deste dias.

Despedimos un ano que esmoreceu deixándonos cos fuciños metidos na recesión e  necesitados de valor para superala.

Lía un artigo que dicía que no alfabeto xaponés a palabra crise escribíase con dous caracteres: un deles significaba oportunidade e o outro perigo. Dende esta milenaria cultura invítasenos a unha reflexión, para entender a crise como un espacio no que  reorientar a situación.

Na parte da oportunidade, deberíamos de darnos tempo para todas esas reflexións neste ano mentres remamos na inevitable travesía que nos toca facer ata arribar ao 2010.

Na parte do perigo, están as circunstancias en sí, pero máis perigo ten aínda laiarnos sen máis.

Non sabemos o que trae este ano, pero no 2010, sí temos metas moi decisivas como é acadar que España supere con éxito a Presidencia de turno da Unión Europea, nun momento de balance crucial que afecta a Galicia e a Lugo.

O Concello de Lugo abriu fai algún tempo unha oficina de información sobre a Unión Europea. A súa presentación xeroume unha sensación inquedante, non por que a iniciativa non me gustase, o contrario, pero cecais porque coidei que a creación dun departamento así debería de dar resposta a unha demanda moi revindicada polos emprendedores de Lugo. Coidei que a dos emprendedores é unha fauna que nunca atopou o seu hábitat nestas fragas.

A proba está hoxe na rúa. O Concello de Lugo anuncia a súa intención de abordar a redacción dun segundo Plan Estratéxico, sen que teñamos conciencia clara do desenvolvemento do primeiro e das realizacións consolidadas.

Alguén terá que informar do que pasou co primeiro documento: si se atinou co seu prantexamento, ou estaba desenfocado; si se habilitaron, ou non, os mecanismos adecuados para facelo operativo. Non se pode abordar a redacción de un segundo documento achegalo análise público da primeira etapa, e non vaia ser que adxudiquemos ao primeiro Plan Estratéxico certos logros inconexos e endilgarlle a un futuro documento a capacidade de materializar todos os intentos fallidos ata agora.

Levar adiante un Plan Estratéxico implica exercer a capacidade de liderazgo entre os axentes sociais e acompañalos no seu ímpeto emprendedor.

Cecais nesa redacción do novo documento haxa que entrar a valorar as razóns polas que entre nós cultivamos tan escasas vocacións emprendedoras. Aínda recoñecendo que algunhas son moi meritorias.

Comentarios