martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

Agustín Gallego: "Aportei información para que a Pokemon fora adiante"

O candidato de UPyD, Agustín Gallego
O candidato de UPyD, Agustín Gallego
O alcaldable por UPyD en Lugo fala da súa relevancia no destape da Pokemon

É un dos candidatos galegos de UPyD que máis tempo leva traballando neste proxecto e que con máis devoción o defende. É vostede o Rosa Díez galego?

Non, eu son o UPyD de Lugo, sempre desde a humildade. A verdade é que estamos facendo un traballo tremendo, intenso, que veremos se o día 24 se ve reflectido, sempre en beneficio do cidadán. En temas de corrupción somos pioneiros no país, e dende logo este candidato estivo á altura nos procesos de corrupción que hai abertos en Galicia.

A que altura, exactamente?

Á hora de denunciar e poñer en coñecemento dos xulgados competentes a información necesaria para que cheguen a bo porto certos procesos que aínda están abertos. Falamos da Pokemon.

Di que vostede é a orixe da Pokemon?

Os tiros van por aí. Déuselle cauce despois de que eu pasara polo xulgado a poñer en coñecemento o que estaba pasando coa empresa Vendex e no Concello de Lugo, as anomalías que estaba vendo no día a día. Eu aportei documentación e información abundante para que isto fora adiante. Fun catro ou cinco veces ao xulgado.

Pasou de ser traballador da Ora, a ser o seu látigo. A cousa non acabou ben...

Tiven unha relación laboral con Setex Aparki durante 18 anos, con Vendex de mes e medio, e aí se extinguiu. Fun ao xulgado e o despido foi improcedente. Con certas cousas un non pode convivir. Está claro que eu era un gran incordio para eles.

E agora o seu modelo é o de empresa mixta. Falouno coa familia [a súa irmá traballa na Ora]?

Non fai falta. Eu xa no seu momento con estaba de acordo con como se estaba facendo a adxudicación do servizo, porque se vía que xa había anomalías teledirixidas. Está claro que Lugo necesita Ora porque é unha cidade complexa. Se queremos apostar por un centro histórico peonil necesitamos ter unha rotación todo arredor e ten que haber mobilidade, pero cunha xestión boa.

Pasou de empregado a empresario autónomo e fai instalacións de gas, entre outros servizos. Tivo que atallar moitas fugas de UPyD?

A verdade é que non. En Lugo somos un grupo que levamos traballando dende hai catro anos, un traballo inmenso que ao mellor non demos vendido á cidadanía. A política non é só gobernar, tamén facer oposición, teñas representanción ou non.

E agora teñen que ver como outra formación máis nova lles adianta, alomenos en popularidade.

Eu deséxolle a mellor sorte do mundo. Os cidadáns dirán onde ten que estar cada un. O PP e Ciudadanos van ser parecido. O PP necesita un partido bisagra e aí está Ciudadanos, construído dunha forma un pouco estraña.

Estes días vemos a partidos con vídeos, patinetes, furgóns... Daranlle envexa tantos medios...

Pois mire, coa aportación dos compañeiros imos ser capaces de poñer un coche na rúa rotulado. Imos chegar a todos os barrios.

Que presuposto teñen?

Non chegamos aos 400 euros.

Agustín Gallego: "Aportei información para que a Pokemon fora adiante"
Comentarios