jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

Adiós

Baixo o título O valor do asno, celebrouse en Castelbuono (illa de Sicilia) un congreso sobre a potencialidade do burro no futuro desenrolo das zonas rurais de Europa. Boa noticia para Lugo. Aquí temos unha inmensa área rural e un crecente número de burros. ''Recuperemo-lo asno e o asno recuperará ó home'', dixo o alcalde de Castelbuono.

Hai un mes, co alcume de G-20, celebrouse en Whashington un xuntoiro para eximir ós ricos das culpas da crise económica e darlles cartiños cos que poder seguir especulando. Mala noticia para Lugo.  Aquí temos poucos ricos e moitos que cren que o son.

Pero falemos dos burros de Lugo. En Cubela (O Incio), habilitaron varias hectáreas de terreo para que o coñecido como burro fariñeiro poida campar ás súas anchas e perpetuar a especie. A carreira de burros de Escairón xa é catalogada de lexendaria e en nada desmerece ó derby de Ascott polo menos en asistencia de burros (e de público, claro) e repercusión internacional. Precisamente un veciño de A Páxara, moi preto de Escairón, adicou a súa vida a vender pescado polas aldeas utilizando unha burra para transportalo; ó cabo dos anos desfíxose da burra e mercou unha furgoneta pero sempre decía a quen o quixera escoitar: ''a burra deu para mercar unha furgoneta, pero a furgoneta non da para mercar unha burra''.

Fai pouco estiven en Lagúa (As Nogais) e un habitante de tan elevado lugar aseguroume que, en caso de verse illado pola neve, sempre podía confiar na súa burra para que o sacara da aldea e o transportara a un lugar seguro.

Entre as posibilidades que ofrece o burro, segundo os ponentes do congreso de Castelbuono, está a de reducir o consumo de gasoil xa que a capacidade de traballo do animal permítelle estar horas e horas arando ou carretando sen apenas desgaste e cun mínimo consumo de herba e alfalfa. Recoméndase o seu uso en zonas de alta montaña (como os Ancares ou o Courel) nas que poden ser máis efectivos que a maquinaria.

En Washington non se deberon enterar do falado en Castelbuono xa que a reducción de consumo de gasoil non se chegou a mencionar. Pero o burro saiu favorecido igual.

A mediados dos anos noventa falouse de que o burro estaba en perigo de extinción pero, gracias ós bos oficios obrados no G-20 e en Sicilia comprobamos que a especie volve a coller máis pulo que nunca.

Confiemos en que se recupere a presenza do burro e se humanice a economía e non teñamos que cantar aquelo de ''...estiró la pata, arrugó el hocico, con el rabo tieso, decía: Adiós, Perico''.

Adiós