A volta a España coincide en Allariz coa feira do Amendoado

Cartel da Feira do Doce Amendoado e Melindre
photo_camera Cartel da Feira do Doce Amendoado e Melindre

O concello ourensán de Allariz acolle este fin de semana a XII edición da súa tradicional 'Feira do Doce Amendoado e Melindre' con presenza de reposterías e bodegas de Castela-León, Euskadi e Asturias.

Unha das novidades deste ano está na ampliación da Feira a dous días, debido á demanda dos turistas. Este ano ademais, a festa coincidirá coa segunda etapa da volta ciclista a España que sairá o domingo dende a vila.

Ás 8 da tarde lerase o 'pregón cómico'. Este ano a honra de pregoeiro correspondeulle ó actor Víctor Fábregas, máis coñecido como Tucho, o dos Tonechos.

Este ano, o clásico homenaxe que se realiza a unha repostería da vila vai destinado ós creadores dun libro que recolle as receitas tradicionais de Allariz, e que foi presentado na anterior edición.

O presidente da Asociación de reposteiros artesáns de Allariz, José Luis González, asegurou que o traballo feito durante estes doce anos permitiu ás empresas da vila duplicar a súa produción e abrirse mercado a nivel nacional, e nun futuro, no estranxeiro, ademais de crear case 50 novos postos de traballo nestes anos.

Comentarios