Noelia Castro Otero: ''Malia ser a modelo máis nova de Galicia e querer ser ‘top’ saquei o curso con todo sobresaíntes''

Desde nena vía as modelos nas revistas e ela quería estar aí. Poucos anos pasaron ata que comezou a facer realidade es  soño, co apoio dos seus pais. Noelia ten un corpazo de muller, malia que en realidade aínda é unha rapaza tímida de doce voz. Iso si, ten as cousas moi claras.

P: ¿Como empezou nisto da moda?
R:
A min isto gustoume desde sempre, desde cando de pequeniña vía nas revistas as modelos e eu quería estar aí. En agosto do ano pasado vin que abría unha escola de modelos na Coruña e decidín ir coa miña nai para probar. Gustoume tanto que decidín continuar.

P: ¿Apóiana os seus pais nesta aventura?
R:
Si me apoian, pero dinme que nunca deixe de estudar.

P: ¿Cal foi a súa primeira reacción cando lles dixo “quero ser modelo”?
R:
Eles apoiáronme desde o principio e intentaron buscar onde poder formarme na Coruña. Por iso ao final tivemos esta oportunidade e aproveitámola.

P: Supoño que de momento a acompañan aos desfiles...
R:
Normalmente véñenme ver, si, como no desfile de Pontus Veteris e algún que fixen no Corte Inglés. Sempre están aí.

P: ¿Que tal foi a experiencia en Pontus Veteris?
R:
Moitos nervios, pero moi, moi ben, con ganas de repetir.

P: ¿Nota un trato especial nos desfiles por ser a ‘peque’?
R:
Trátanme moi ben por ser a máis pequena, pero cada un vai ao seu. Moi amigos todos, pero logo na pasarela cada un vai dar o mellor de si.

P: ¿Como reacciona a xente do mundiño cando descobre a súa idade?
R:
Sorpréndelles que sexa tan noviña porque adoitan botarme máis idade, sobre 16.

P: Está a formarse nunha academia.
R:
Si, alí ensínanme tanto a desfilar como protocolo, maquillaxe e clases para defenderme ante
unha cámara de fotos.

P: ¿Que é o que máis lle gusta deste traballo?
R:
Desfilar.

P: ¿E o que menos?
R:
O que menos... (pensa un intre), de momento gústame todo (risas).

P: Compatibiliza as pasarelas coas aulas.
R: Si, vou para terceiro da ESO.

P: ¿E que tal sacou o curso que vén de rematar?
R:
Moi ben, moi ben. Saquei todo sobresaíntes e os meus pais, encantados.

P: ¿Saca tan boas notas para que eles a deixen ser modelo ou porque tamén lle gusta estudar?
R:
Gústame estudar. De feito teño previsto seguir estudando, aínda que non sei a que quero dedicarme no futuro.

P: Porén, ¿gustaríalle ser modelo profesional, chegar a ‘top model’?
R:
Si. As miñas metas son desfilar cos mellores e sobre todo coñecer os grandes deseñadores como Karl Lagerfeld e Christian Dior, que son os que máis me gustan.

P: ¿Que supón para vostede ser a modelo máis nova de Galicia?
R:
Pois moita emoción e moitas ganas de continuar para ver se chego a algo.

P: ¿Como reaccionan os seus coñecidos cando lle di que xa é modelo con só 14 aniños?
R:
Eu non vou dicindo por aí que son modelo, pero as persoas que me coñecen sorprendéronse, aínda que me din que se alegran moito por min e que sirvo para isto.

“Non vou ao ximnasio porque non podo ir ata os 16, pero fago deporte e evito sempre picar entre horas”

P: Ten un físico de impresión para a súa idade. ¿Cóidase moito?
R:
Adoito facer deporte, pero tamén a miña constitución é así.

P: ¿Vai ao ximnasio?
R:
Ao ximnasio non podo porque non me deixan ir ata os 16, pero practico deporte coa miña irmá, de 13 anos, coa que fago voleibol, baloncesto e surf.

P: ¿Segue algunha dieta?
R: Dieta non, o que procuro é non picar entre horas, tomar auga, froita e non comer nin bollería nin chocolate.

P: Vostede é súper delgada, ¿que opina sobre a tendencia de suprimir as curvas nas pasarelas?
R: Eu creo que tampouco hai que ser tan delgada, porque non é un corpo bonito. Eu prefiro os corpos musculados  e non mozas tan fracas.

P: ¿Algún truco de beleza que poida compartir?
R: En xaxún tomo auga cunhas gotas de limón e ao levantarme estiro as bonecas, os nocellos e o pescozo. Agora co sol boto crema protectora de factor 60 sempre na cara.

P: ¿Que modelo ten como un referente?
R:
Gústame moito Chanel Iman, de Victoria’s Secret, e tamén Naomi Campbell.

P: ¿Axuda a ligar no instituto o feito de ser modelo?
R: Eu, é que no meu colexio non hai ningún rapaz que valla a pena, entón... (risas).

P: Sendo tan nova e estudando e traballando á vez supoño que non queda moito tempo para noivos...
R: Si teño mozo, e é unha belísima persoa.

Comentarios