domingo. 15.09.2019 |
El tiempo
domingo. 15.09.2019
El tiempo

Nin a perruquería se salva da SGAE

Escoitar música de fondo mentres un corta as puntas na perruquería do barrio pode ter os días contados en Galicia. A culpa teríaa a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), que pretende impoñer unha cota mensual aos empresarios de perruquería e estética pola difusión de música ambiental nos seus establecementos.

Antonio Peiteado, presidente da Federación Galega de perruquerías, asegura, pola contra, que os centros non pensan claudicar ante as reclamaciones da SGAE. "Tentaremos defendernos por todos os medios", e afirma que aguantarán "ata que sexa un xuíz ou que determine se temos a obrigación de pagar".

Ao parecer, o acoso dos representantes da SGAE só se notou nos últimos dous meses na provincia de Ourense, algo que os empresarios interpretan como que "están levando a cabo unha experiencia piloto" para logo estender os cobros ao resto de Galicia e España.

Non somos unha discoteca
Peiteado explica que, ao non existir xurisprudencia relativa ás perruquerías, os defensores dos dereitos de autor pretenden sometelos ao reglamento do sector da hostelería, algo que consideran un abuso, xa que "nós non somos unha discoteca, e de ningún xeito facemos negocio coa música".

Por iso, ven moi inxusto ter que abonar elevadas taxas que lles obrigará a "deixar de escoitar as noticias ou ver o fútbol". E é que a cota que reclama a SGAE pode chegar, en función do tamaño do local e dos aparellos que teña, aos 130 euros ao mes, e así "non habería cortes de pelo que chegaran".

Máis de 40 centros ourensanos xa teñen sobre a mesa as actas do departamento xurídico da SGAE nas que se lles insta a regular a súa situación e pagar os correspondentes dereitos de autor. Por medo, algúns empresarios optaron por prescindir da súa tele e da radio. O dito, menos mal que sempre quedará o Hola para pasar o intre mentres o perruqueiro se afana en arranxarnos o pelo.

Nin a perruquería se salva da SGAE
Comentarios