Natxo Lezkano: "Son dos que cren que o importante non é o destino, senón a viaxe"

Coa Copa Princesa na man, o adestrados do Cafés Candelas Breogán, anda pensando xa no ascenso

Natxo Lezkano. J.VÁZQUEZ
photo_camera Natxo Lezkano. J.VÁZQUEZ

1. Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?
O que máis me gusta é o proceso de crear un estilo de xogo cun equipo novo. O que menos, a exposición pública lóxica do posto que ocupa un adestrador.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...
Non sabería dicilo. Se non fora a isto mesmo que fago, seguramente sería a dar clases.

3. O soño que máis se repite é...
Adestrar a un equipo da Euroliga.

4. Estraña algo do que foi deixando atrás?
Si, a xentes da familia e tamén a amizades.

5. A quen admira?
Sen dúbida, admiro moito á miña nai.

6. Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?
Non lembro agora mesmo nada en concreto, pero seguro que o meu trato cara a alguén non foi o acertado nalgún momento, e arrepíntome de telo feito mal.

7. Votou nas últimas eleccións?
Si.

8. Atrévese a dicir a quen?
Non considero nada relevante o dato.

9. Que cita subscribiría?
Unha que di algo así coma que o máis importante non é o destino, senón a viaxe.

10. Que coche ten?
Un Seat 850 Cupé. Teño outro para utilizar no día a día pero é que deste estou especialmente orgulloso [ri].

11. Cal foi o capricho máis caro que mercou?
Un piso.

12. Cal é o seu ben material máis prezado?
Pois, sen dúbida ninguna, é ese piso.

13. Unha toleada que fixera por amor.
Mercar ese piso!

14. Hai algo que non lle perdoaría á súa parella?
A traición, que non a infidelidade.

15. Teñen algún pacto?
Non.

16. Envéxalle algo ao outro sexo?
Tal e como está montada a sociedade, seguimos a telo aínda nós os homes mellor ca elas, tristemente.

17. Que libro ten enriba da mesiña de noite?
A novela Falcó, de Arturo Pérez- Reverte.

18. Non sae da casa sen...
Kleenex.

19. Que pecados capitais desculpa?
Todos menos a avaricia e a soberbia.

20. Algo que nunca falte na súa neveira.
Cervexa.

21. Pérdeo un bo...
Solombo.

22. Unha prenda que desteste.
Os zapatos de tipo mocasín, non me gustan nada.

23. As súas mellores vacacións foron...
No ano 1986, nunha vila de Salamanca.

24. A súa viaxe soñada sería a...
Facer unha volta arredor do mundo.

25. A paisaxe que máis o impresionou foi...
A fervenza de Salto del Ángel, en Venezuela

26. E a súa materia pendente?
Gustaríame aprender a tocar a guitarra.


"No vestiario hai moi boa química" 

1. Coa Copa Princesa nas vitrinas do club e co CB Breogán enfrontando este último tramo da Liga desde o máis alto da táboa clasificatoria, permítese comezar a ver o ascenso do equipo á Liga ACB como algo real?
Sempre o vin como algo real, non é de agora.

2. Onde cre, a estas alturas da temporada de competición, que vai estar a clave para acadar ese tan acariciado obxectivo do club?
A clave sempre pasa nestes casos por ser moi regulares e, por suposto, por manternos xuntos e ser un equipo moi sólido, sobre todo a nivel defensivo.

3. Ao marxe do aspecto deportivo, cre que o bo ambiente que semella que hai neste vestiario ten tamén algo que ver nos éxitos do equipo?
Tanto que coido que é imposible que un equipo renda a un bo nivel de xeito continuado se non hai unha boa química entre todas as persoas que o forman.

4. Está claro que esta plantilla funciona pero, vai ter algunha incorporación máis antes de que remate o mercado de fichaxes este mes?
Pois agardamos que si.

Comentarios