La dieta del imputado

Corrupción, prevaricación, suborno... Ben poderían ser os novos ingredientes máxicos para loitar contra eses michelíns que xa se instalaran comodamente na vida dalgúns. Sobre todo cando quen os inclúe na dieta é un xuíz que logra que a posibilidade de acabar entre reixas abafe máis que ter que meterse no bañador. Que trema pois o francés Dukan, porque ao seu controvertido réxime saíulle un rival: a bautizada como dieta do imputado.

Son varios os exemplos que nos confirman o tópico de que, á hora de adelgazar, máis vale levar un bo disgusto que pasar fame ou matarse a suar no ximnasio. E se non que llo pregunten a campións como Jorge Dorribo ou Pepe Blanco, aos que a mestura de tensión e nervios lles custou a barriga e sumar canas en tempo récord. Iso si, o ex ministro xa perdera os primeiros quilos coa dieta Dukan, da que deu o salto á do imputado.

ASÍ FOI O ANTES E DESPOIS DE DORRIBO ...



... E ASÍ O DE BLANCO



E que dicir do xenro do Rei. A Urdangarín a imputación polo caso Nóos deixoulle un tipo fino, se ben presenta un aspecto moi demacrado. E é que xa se sabe, os quilos mellor perdelos pouco
a pouco e, a poder ser, non facelo camiño do xulgado.

URDANGARIN, MÁIS 'CHUPADO' CA NUNCA




A ANÁLISE

“Adelgazan debido ao estrés, pero tamén ao deixar de ir a actos con espetos e viño”
A xa coñecida como dieta do imputado tampouco pasou desapercibida a ollos dos expertos en nutrición. A dietista pontevedresa Silvia Massetti explica que esta só aparece en situacións extremas como polas que están pasando Dorribo, Blanco e Urdangarín.

“Cando unha persoa atravesa por un momento de angustia ou está baixo moita presión, como estes señores, ese estrés inflúe directamente no seu metabolismo, na maioría das veces quitándolle o apetito”, indica. Porén, engade que a isto hai que sumar un cambio de hábitos asociado á hora de explicar tan chamativa perda de peso. “Esta xente pasa de ir a actos e ceas con espetos e viños, co conseguinte picoteo diario, a recluírse máis na casa”, de forma que menos vida social equivale a menos quilos.

Iso si, Massetti informa de que, unha vez inmersos no proceso xudicial, hai alimentos que poden servir de aliados para sobrelevar mellor a situación. “Ante este nivel de estrés recoméndase unha dieta moi natural –peixe, verduras, froita e cereais–, evitando a toda costa
comidas moi elaboradas ou preparados que inclúan graxas.

É clave non probar o alcohol nin o picante a fin de non sumar un malestar gástrico á situación, xa de por si complicada. A dietista destaca, en todo caso, que estamos ante unha dieta “que é
consecuencia de algo extremo non desexado”, polo que resulta moi insán. “O recomendable
é perder un ou dous quilos á semana; todo o que supere iso non é bo; de aí o aspecto demacrado destes imputados”, di.

Iso si, advirte: “Se regresan á normalidade recuperarán os quilos coa mesma facilidade que os perderon”.

Comentarios