John Galliano recibe outra oportunidade

O próximo febreiro cumpriranse dous anos desde que John Galliano foi despedido como director creativo de Dior tras ser condenado por insultos racistas e antisemitas. Afastado do mundo da moda desde aquela, agora chégalle unha segunda oportunidade da man de Óscar de la Renta e coa bendición de Anna Wintour.

O deseñador dominicano Óscar de la Renta anunciou que terá como invitado durante tres semanas a John Galliano no seu estudio de Nova York.

"John e eu coñecémonos desde hai moito tempo e son un grande admirador do seu talento. Traballou moito na súa recuperación e alégrome de poder proporcionarlle esta oportunidade de mergullarse de novo no mundo da moda e volver aclimatarse nunha contorna na que foi tan creativo", explica o dominicano.

Galliano, de 52 anos, dixo que está rehabilitado da súa adicción ao alcol e arrepentido do que fixo. "Estiven en rehabilitación os últimos dous anos. Antes da miña sobriedade, descendín á tolemia da enfermidade. Dixen e fixen cousas que feriron a outros, especialmente a membros da comunidade xudía. Expresei o meu pesar en privado e en público polo dano que causei e continúo facéndoo. Estou comprometido a resarcir a aqueles a quen ferín".

"Estou máis agradecido a Óscar do que podo expresar por invitarme a pasar tempo con el na contorna familiar dun estudio de deseño. O seu apoio e a súa fe en min son unha cura de humildade", termina Galliano.

Women’s Wear Daily apunta que a volta do deseñador xibraltareño foi orquestrada pola directora de Vogue USA, Anna Wintour.

Comentarios