HYDN: "Plantéxome hydn como unha especie de alter ego vampírico"

A coruñesa-ceense, que canta en galinglish, está na final de La elección interna 2023 de EurovisionSpain, un sondeo no que se vota ás cancións e aos artistas que á xente lle gustaría ver en Eurovisión, con Drowning Fire

 

Hydn. NURIA REY
photo_camera Hydn. NURIA REY

SANDRA Guedev (A Coruña, 1996) alias hydn, é unha estrela crecente no panorama musical, que canta en galinglish. Aínda que todavía non é moi coñecida, presentou o seu primeiro single, Drowning Fire, en Luar, e está na final de La Elección Interna de EurovisionSpain, un sondeo sobre propostas da xente para ir a Eurovisión que en 2021 gañou Figa, de Tanxugueiras.

O seu alias vén de hidden (oculto, en inglés). Por que este nome?

Antes de empezar en solitario tiña un grupo, Inland Valley, e eu estivera buscando o nome perfecto para este proxecto en solitario, pero non o daba atopado. Ata que recordei que tiñamos unha lista de nomes descartados e era o último, hidden, que se me ocurrira a min. Empecei a pensar nel, en como escribilo, e me gustaba moitísimo. Ademáis ten un montón de significados, porque fago música en galinglish e para que o galego chegue a máis xente, a xente que non sabe nin que existe, e xogando niso, de que o galego segue bastante oculto, e o intenta invisibilizar moita xente. O proxecto comezou querendo xogar con toda a merda que escondemos, co que está oculto, co que non...

Agora está máis exposta ao público español por La Elección Interna. Como reaccionou ao proceso?

Flipando bastante! Aínda creo que o estou asimilando un pouco, porque é unha plataforma enorme e un montón de xente está votando por min. Xa para empezar non esperaba estar na lista. Cando estás empezando, sempre te tes que apuntar ti ás cousas. Cando me enterei de que pechara, dixen «merda, non enviei o meu nome!», e cando me vin na lista dixen «alguén me enviou o nome aí!». O primeiro día de votacións esperaba estar nas últimas, e non me atopaba na lista de xente eliminada. Eu debo ser a artista máis pequena desa lista, porque non é simplemente que a xente non me coñeza, senón que non teño selo, son autoxestionada, autofinanciada, cun equipo marabilloso comigo. Cando me vin no top 12, flipei moito. E agora xa estou na final, onde non esperaba estar. Quedan as últimas votacións e non sei o que vai pasar, prefiro non pensalo moito (ri).

E vendo unha recepción positiva participaría no Benidorm Fest do ano que vén?

Eu xa quería presentarme ao Benidorm Fest. (Ri) A cousa é que me fixeran caso ou non. E agora creo que teño moitas máis posibilidades das que tería tido se non estivera nesta lista. O fin de semana voume encerrar co meu produtor e empezar a facer o tema que queremos presentar. Pero un dos meus soños sempre foi ir a Eurovisión.

"Falaba da necesidade que tiña de romper con este grupo e arder neste lume que para min é hydn, ser totalmente eu"

Presentou Drowning Fire en Luar, e subiu un TikTok con Gayoso.

Foi súperguai cando fun ao Luar, o ambiente era unha pasada e todo o mundo foi súpermajo. Encantoume coñecer a Gayoso, e fixo dous TikToks comigo do Firetouched Challenge, que é a segunda canción que lancei. É unha letra que digo: «Sinto a túa mao apertando e penso que vou afogar, pero faimo lento». E Gayoso a tope con facer ese baile. Paseino súperben e espero volver pronto.

A súa imaxe é bastante dark. hydn parécese moito a vostede na vida diaria ou é un alter ego?

Son certas facetas de min levadas ao extremo; pero si, hydn está na miña vida diaria. Plantéxoma ás veces como unha especie de alter ego medio vampírico, de chica chulísima. (Ri) Está baseada nun imaxinario de mulleres como Lara Croft; Xena, la princesa guerrera; Isabelle, de Shadowhunters... e á vez en querer sentirme máis eu. Naceu da necesidade de romper con este grupo que eu tiña, que facíamos música para chorar, e centrarme en explorarme a min mesma e ser a diva que quería ser. A roupa que uso nun escenario é roupa que uso no meu día a día moitas veces, e a maquillaxe, tamén. hydn é bastante de min e bastante de alter ego, é un 50/50.

Que artistas lle gustan e inspiran para a súa música?

Cando empecei hydn quería facer un The Weeknd, pero en muller. É moi típico dos pavos dicir «ay, es que estoy súper jodido, te voy a hacer daño, no estés conmigo», pero están contigo e che fan dano igual. E musicalmente, para min The Weeknd é un grande. Pero teño moitas máis influencias; estiven un ano e pico desenvolvendo o proxecto ata atopar o meu son, que sigo buscando. Bring Me The Horizon; Halsey, sobre todo os comezos; o deep house e a electrónica; Tove Lo, Ashnikko, Two Feet... Un montón de artistas; ao mellor descubro un artista novo e digo «quero facer unha canción que sexa un pouco deste rollo, e mesturalo con estoutro».

E que experiencias lle inspiran máis a nivel lírico?

Depende do momento. Eu tiña unha época na que me comportaba dunha forma un pouco dubidosa, e empecei a ir a terapia. E dixen, vou explorar tamén hydn no sentido de, como sería Sandra se non tivera ido a terapia. Despois xa foi crecendo. Estou nun punto no que me poido basear en moitas cousas; Drowning Fire falaba da necesidade que tiña de romper con este grupo e arder neste lume que para min é hydn, ser totalmente eu, e do medo de non ser capaz de expresarme a través da miña música eu soa. Firetouched, quería facer unha canción moi sexual. E Midnight hunt... quería unha canción de batalla. Creei un mundo no que hydn sae de caza. Estaba influenciada por Jennifer’s Body; sae a cazar violadores, e pavos que fan cousas que non se poden facer. Tamén está inspirado por Promising Young Woman. Despois me vou inspirando en momentos, sensacións, películas ou cancións.

Sempre soubo que quería isto?

Dende pequena; quería ser cantante, que a miña nai me apuntase Eurojunior. Nunca me apuntou; menos mal, porque cantaba moi mal. Cando fun crecendo descarteino un pouco, ata que me dei conta de que quería facer videoclips. Metinme en produción, non me saíu moi ben, e aquí estou agora. É unha pena porque se non o tivera descartado seguramente me tería formado musicalmente, algo que estou facendo agora, pero me limita á hora de compoñer. Pero bueno, ao mellor non estaría aquí se tivera estudado antes música, así que vou deixar as cousas como están.

Comentarios