Totó García: ''Estamos pensando en hacer la primera película X en gallego''

Estudante de terceiro curso de Dirección e Admnistración de Empresas da USC, deseñador de páxinas web, actor porno e dono da primeira produtora de xénero X de Galicia, pornoaburrirse.com, Totó García asegura que o porno é un sector que o motiva e que se dedica a isto porque as rodaxes son moi divertidas e pásao moi ben.

Pregunta: ¿Como se iniciou no cine porno?

Resposta: Desde que perdín a virxinidade crin que tiña posibilidades de dedicarme
ao porno. Pensei que podía ser un bo produto para este sector. Os primeiros pasos deinos cunha web que levou o Premio Ninfa do Festival Erótico de Barcelona. Placeresvirtuales.com foi elixida mellor web erótica do ano. As cousas
comezaron a irme ben e decidín poñer en marcha a miña propia produtora en Santiago, pornoaburrirse.com.

P:Neste momento está rematando unha película. Cóntenos.

R: Si, estamos rematando de gravar todo o contido de Esto es Benidorm e agora imos empezar a posproducila para presentala ao festival de Barcelona deste ano. É un filme que estivo rodado na súa maioría en Benidorm, aínda que as últimas escenas fixémolas aquí en Santiago.

Polémica
P: Supoño que para moitos a escena máis coñecida, precisamente froito desa rodaxe, aínda que non forma parte da película, foi a gravada na praza do Obradoiro. ¿Foi algo planeado? ¿Pensaron na repercusión que tería?

R: A verdade é que eu xa pensara en montar un chisco de polémica. Logo de rematar a rodaxe, iamos polo Obradoiro eu e dúas actrices, Ina Cherry e Lora Row, e dixemos “veña, pois, ¿por que non? Imos rodar aquí”. Nós xa sabiamos onde estaban as cámaras, xa o tiñamos un pouquiño controlado dalgunha vez que pasamos por diante. Tamén a hora estaba controlada porque é un momento no que non pasa case ninguén por alí.

P: ¿Que repercusións tivo esa escena? ¿A xente que o rodea cambiou de actitude con vostede?

R: Supoño que a dalgúns si. Eu sei que hai quen me critica, no entanto cando vou por aí a xente pórtase moi ben comigo. Vou a un restaurante e saen os cociñeiros a saudarme, estando de festa moita xente quere quitar fotos comigo, rapazas e rapaces pídenme algún autógrafo, etc. Eu aínda non me adapto. Que alguén veña e me diga “¿podo sacar unha foto contigo?” ou “es o mellor, es un crack” é fantástico. A verdade é que saíu moi ben, mellor do que pensabamos. Foi unha técnica de márketing moi boa, aínda que houbo unha polémica que quizais sexa un pouco excesiva malia que diante miña toda a xente me trata moi, moi ben. Aínda non encontrei ninguén que por este tema me tratara dunha maneira que non fora boa.

P: ¿E os seus pais e familiares máis achegados que lle dixeron?

R: A eles non lles pareceu ben, non estaban preparados para iso. A intención non era molestar, era crear un pouquiño de polémica. En ningún momento pensamos que ía transcender tanto todo isto, que ía xerar tanta, tantísima polémica.

Porno en Galicia
P: ¿Cre que o cine X segue a ser un pouco tabú en Galicia?

R: Non creas, iso era hai anos, que era todo como máis clandestino. A min a xente nos restaurantes, na facultade, na rúa... sempre me fala do que viu, do que queren ver, de que actrices lle gustan, etc. Ao mellor precisamente porque eu me dedico a isto a xente sóltase máis, non o sei. A sociedade xa comeza a ver o porno como un produto
máis, como pode ser calquera outra produción.

P: ¿Como está o mercado do porno en Galicia?

R: Antes de estar nós penso que non había outras produtoras. Creo que aquí hai bastante demanda e de feito si hai moita xente que consume porno. O que pasa é que non había nada. Así que nós puxémolo en marcha e de feito estamos pensando en facer a primeira película X en lingua galega.

P: ¿Hai poucos actores?

R: Homes que queren ser actor porno hai moitos; no entanto, as mulleres son un pouco máis complicadas, malia que este ano Galicia foi a comunidade que máis actrices porno novas deu.

P: ¿As mulleres son máis pudorosas?

R: Non creo que sexa por vergoña, é máis polo tema social, todo o que o rodea. Se es home e es actor porno a xente adoita estar encantada contigo, pero coas mulleres é diferente. Segue habendo moitos prexuízos. A muller ten o gran problema de enfrontarse á sociedade.

Conciliar a vida laboral e familiar
P:
¿É rendible o porno?

R: Hoxe, onde máis vende o porno é en internet, así que como produtor dependo do número de visitas da páxina. Cunha web de moito tráfico si se pode vivir moi ben disto.

P: ¿Ten parella?

R: Tiña antes de dedicarme a isto, pero cando comecei co tema do porno deixámolo. Ou é unha persoa que tamén forme parte deste mundo ou é realmente difícil ter parella dedicándose a isto.

P: ¿Traballaría con homes?

R: Non, non podería facelo.

P: ¿Que busca nunha actriz?

R: Que saiba interpretar, pero sobre todo que sexa atractiva.

Comentarios