Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

O queixo e o pan volven converter Friol nun fervedoiro de xente

Numerosas persoas percorrendo a feira, acto inaugural, a queixeira máis nova coa súa avoa (arriba) e postos de queixo e de pan (abaixo).
Numerosas persoas percorrendo a feira, acto inaugural, a queixeira máis nova coa súa avoa (arriba) e postos de queixo e de pan (abaixo).
Ringleiras de coches para entrar na vila e centos de persoas á espera da apertura dos postos dan bo exemplo da animación da feira, que cumpriu as previsións de público e ventas

O queixo de Friol e o pan de Ousá non dan tregua e cada ano congregan miles de fieis que non renuncian a desfrutar dos produtos tradicionais, coa garantía de calidade que imprimen as receitas transmitidas de pais a fillos.

Os panadeiros de Ousá coceron toda a noite para ofrecer a versión máis fresca dos seus característicos bolos. As queixeiras tamén andaron lixeiras nos últimos días para que todo estivese disposto, pero o traballo duro xa o fixeran antes. Durante meses foron curando os queixos que onte levaron á feira e que venderon en media mañá. Preto de dez mil en total.

A encargada de cortar a cinta que inaugurou simbolicamente o evento foi Nerea Cobas Loureiro, unha moza de Narla que aprendeu a facer queixos coa súa nai e a súa avoa. «Lembro desde nena o apuro dos días antes para axudar na casa a facer os queixos frescos ou dar os últimos toques aos curados», comentaba, antes de engadir que «é un orgullo poder continuar coa tradición».

Ao xulgar pola xuventude dalgúns dos vendedores, a continuidade está garantida. Lucía, de Ramelle, madrugou para ir coa súa avoa vender á feira. Ten oito anos e non perde detalle do proceso de elaboración dos queixos. «Se lle deixas, fai o queixo ela soa, pero hoxe vénme axudar a vender», comenta a avoa, e engade: «Dá gusto ensinarlles cando ves que teñen interese por conservar o noso».

Os queixos de Friol son fieis á tradición, pero nos últimos anos foron mellorando en presentación e variedade. Onte podían encontrarse pezas de distinto grao de curación e de diversos tamaños, aínda que todas elaboradas seguindo as pautas herdadas, co mellor leite das vacas da contorna.

Ao longo da mañá, miles de persoas foron desfilando pola carpa do pan, onde compraron unas 3.000 pezas, e o queixo e tamén polos arredores, onde se instalaron postos de todo tipo. As colas de vehículos para entrar en Friol daban conta do éxito da feira.

O alcalde, Antonio Muiña, mostrouse satisfeito cos resultados e apuntou que este ano, como novidade, houbo unha exposición sobre biomasa no centro de usos múltiples, que precisamente quedou inaugado onte.

O queixo e o pan volven converter Friol nun fervedoiro de xente
Comentarios