Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

Inés Abril eloxia a versatilidade do San Simón, un queixo "incrible"

Obradoiro de cociña infantil con Ana Oca, Criado entrégalle un agasallo a Inés Abril e reparto de xeado de San Simón, feito pola xeadería Moca.
Obradoiro de cociña infantil con Ana Oca, Criado entrégalle un agasallo a Inés Abril e reparto de xeado de San Simón, feito pola xeadería Moca.
A cociñeira viguesa, concursante de 'Top Chef', destacou o seu sabor e textura no pregón da festa vilalbesa dedicada a un produto do que repasou a historia, a elaboración ou os premios

A viguesa Inés Abril, concursante do programa Top Chef e cociñeira do restaurante Maruja Limón, foi a encargada de pronunciar o pregón da XXI Festa do Queixo San Simón da Costa, unha intervención na que destacou a versatilidade na cociña deste produto, que dá pé a infinidade de posibles combinacións, así coma o sabor ou a textura «dun queixo incrible», cuxo afumado con madeira de bidueiro lle proporciona «un sabor inconfundible».

Abril confesouse namorada del dende «a primeira vez que o probei» e explicou que lle sorprendera tanto a súa historia coma o xeito de elaboración ao investigar un pouco máis sobre este queixo para preparar o pregón. O envío de pezas a Chicago a finais do XIX, o interese do rei Alfonso XIII ou un encargo de mil quilos mensuais hai décadas son algunhas das pinceladas históricas que abraiaron a pregoeira, que salientou que este «queixo con maxia» está agora no momento de consolidar novos mercados.

Ademais dos numerosos premios, a cociñeira aseguroulles aos queixeiros de San Simón que contan «co recoñecemento e a fidelización de nós, os consumidores» e agradeceulles o «esforzo e sacrificio» e tamén a paixón que os levou a converter un traballo «nunha forma de vida».

«Son os produtos coma este os que fan que Galicia sexa sinónimo de calidade e aquí, na Terra Chá, tedes un queixo sensacional», concluíu Abril, que recibiu un agasallo institucional de mans do alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, quen asistía a este pregón acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, e reprentantes do Concello, de Caixa Rural ou da Asociación de Queixeiros de San Simón, entidade promotora da festa.

O primeiro día da cita tivo a cociña, e as cociñeiras, como grandes protagonistas, xa que outra concursante dun ‘reality’ de cociña, Ana Oca, de Master Chef Junior, foi a mestra dun obradoiro de cociña infantil no que os asistentes prepararon tres tapas co San Simón como ingrediente.

Canelón de xamón serrano con doce de marmelo, volovanes con humus, San Simón e améndoas e lasaña de queixo San Simón con cabelo de anxo e noces foron as tres propostas que os máis de cen asistentes puideron elaborar seguindo as intrucións da chef, que tamén lles ofreceu outros consellos aos pequenos aprendices, como que recollesen sempre a cociña logo de cociñar.

A organización tamén entregou os premios do V Concurso de Carteis de San Simón. O primeiro, dotado cunha tablet, foi para Juan Trastoy, do Ceip Monseivane, e os tres finalistas foron José María García-Leira Currás, Lucía Díaz Darriba e Alba Souto Gutiérrez, todos recompensados con entradas para o parque de Marcelle.

Ademais, organizouse unha poxa benéfica a favor de Cáritas de queixos con 14 meses de curación, cuxo primeiro par adquiriu o alcalde por 40 euros.

A cita co San Simón, que conta cuns 70 stands con diferentes produtos, entre eles oito das queixerías que elaboran o queixo chairego, pecharase hoxe a primeira hora da tarde.

Ana Oca impartiu un taller de cociña infantil, con máis de cen participantes, no que ensinou a preparar tres tapas feitas con queixo

Inés Abril eloxia a versatilidade do San Simón, un queixo "incrible"
Comentarios