A Xunta reivindica "o intenso labor" de promoción e defensa do galego de Carlos Casares

O cupón da Once do 17 de maio estará dedicado ao Día das Letras Galegas e ao escritor
O presidente da Real Academia, Víctor Freixanes, o delegado da Once, Manuel Martínez Pan, o fillo do escritor homenaxeado, Jorge Casares e Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial da Once
photo_camera O presidente da Real Academia, Víctor Freixanes, o delegado da Once, Manuel Martínez Pan, o fillo do escritor homenaxeado, Jorge Casares e Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial da Once

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou este venres a figura de Carlos Casares, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2017, e salientou o seu "intenso labor" de promoción e defensa do galego.

Manifestouno no transcurso dun acto na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), onde acompañado da súa directora, Sonia Rodríguez-Campos, participou do inicio das celebracións conmemorativas do Día das letras Galegas.

Na súa intervención, o vicepresidente destacou a figura de Casares como "un dos máis grandes protagonistas da literatura recente", e eloxiou o traballo que realizou ao longo de toda a súa vida en defensa do uso do galego e, moi especialmente, o seu traballo para "promover o uso da lingua entre os máis novos".

Pola súa banda, Rodríguez-Campos destacou a "débeda" dos galegos con Casares pola súa participación activa na política galega nos anos de Transición e inicios da democracia, "implicándose na reivindicación da autonomía para Galicia e na andaina inicial das institucións de autogoberno".

Entre outras cuestións, destacou o seu esforzo para a redacción e aprobación da Lei de Normalización Lingüística no ano 1983 e da lei de creación do Consello da Cultura Galega (CCG).

CONMEMORACIÓN. A EGAP conmemora esta data desde o ano 1988. A súa celebración, subliña o organismo, vai "máis aló" da obrigación legal da difusión e normalización do idioma galego recollida na lei de creación do centro, que ten entre os seus obxectivos promover o uso do galego dentro da administración pública.

De feito, apunta que se realiza "desde o convencemento de que a promoción e a defensa da lingua galega deben ser obxectivos intrínsecos ao traballo diario" da institución.

O acto literario dedicado a Casares seguiu coa lectura de fragmentos literarios por parte do escritor e articulista Xosé Carlos Caneiro aos que o cantautor Emilio Rúa púxolles música.

CUPÓN DA ONCE. Un total de cinco millóns e medio de cupóns da Once difundirán o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, esta xornada e a figura homenaxeada este ano, a de Carlos Casares. 

Nun acto na Real Academia Galega (RAG), tivo lugar a presentación deste cupón. Nel, interviñeron o presidente da institución académica, Víctor Freixanes; o fillo de Casares, Hakan Casares Berg, e o delegado da Once en Galicia, Manuel Martínez Paul, así como o presidente do consello territorial, Carlos Fernández Lamigueiro. 

Nel, Freixanes agradeceu á Once a edición deste cupón polo que, segundo expuxo, significa de apoio á proxección exterior da literatura galega e do Día das Letras Galegas. Pola súa banda, Martínez Pan destacou a vontade da Once de "fomentar o coñecemento da cultura galega". 

Á súa vez, Hakan Casares Berg agradeceu esta homenaxe a Casares, "fermoso, diferente e capaz de chegar a todo o mundo". Ademais, confesou que ten "unha significación especial" porque na súa familia era habitual participar en sorteos deste tipo. 

Comentarios