A Xunta pide aos concellos que realicen inspeccións para controlar o aforo dos autobuses

Viajeros en un autobús urbano de Ourense. BRAIS LORENZO (Efe)
photo_camera Viaxeiros nun autobús urbano de Ourense. BRAIS LORENZO (Efe)

A Xunta lembrou aos concellos que a nova normativa para tratar de frear a pandemia do coronavirus limita a ocupación das prazas de pé dos autobuses a unha sexta parte das dispoñibles, e ínstaos a realizar inspeccións. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade informa de que esta comunicación a fixo ante as queixas recibidas nos últimos días polo exceso de ocupación dos autobuses urbanos. 

En concreto, a Dirección Xeral de Mobilidade remitiu un escrito na tarde deste mércores aos concellos da Coruña, Vigo, Santiago, Ourense e Lugo, responsables dos servizos de transporte urbano nesas cidades, no que apunta "a necesidade de cumprir a limitación de aforamento vixente", de acordo coa orde do pasado día 4 e a súa posterior modificación deste martes 10. 

Segundo a dita orde, subliña a consellería, a máxima ocupación das prazas de pé dos autobuses é dun sexto das prazas dispoñibles. 

Por tal motivo, a Xunta insta as administracións locais a realizar inspeccións "intensivas" do aforamento nestes medios de transporte, sobre todo en horas punta, para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía. 

Comentarios