A Xunta non adoptará por agora ningunha medida administrativa no caso da cadela de Chantada

A Consellería de Medio Ambiente anuncia que estará á espera do avance do proceso xudicial

A Xunta non adoptará por agora ningunha medida administrativa no caso da cadela maltratada en Chantada, segundo confirmaron a Europa Press desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Sobre a posibilidade de que a Xunta abrise algún expediente sancionador após este caso, ocorrido o pasado 30 de novembro cando un home disparou a unha cadela, golpeouna e arrastrouna polo chan, o departamento autonómico remitiuse ao feito de que estea "xudicializado".

"Manterémonos á espera do que ocorra e pedímoslle á Fiscalía que nos teña informados para, no ámbito das nosas competencias, adoptar as medidas administrativas sancionadoras que correspondan".

Sobre este caso, a Xunta informou que o martes tivo entrada a denuncia na súa Xefatura Territroial de Lugo e que, ese mesmo día, procedeuse de oficio á remisión da mesma á Fiscalía Provincial de Medio Ambiente de Lugo ao poder ser os feitos "constitutivos dun delito de malos tratos contra os animais domésticos".

Por parte de diversas entidades animalistas, solicitouse á Xunta que incoase un expediente sancionador en relación aos malos tratos sufridos pola cadela, que faleceu o martes no hospital veterinario de Lugo onde estaba ingresada.

Comentarios