A Xunta inviste 6,5 millóns de euros en novas axudas a concellos e asociacións

A convocatoria dirixida aos entes locais destínase á creación e mellora de infraestruras, dotacións, instalacións e equipamentos ►As partidas dirixidas aos colectivos buscan mellorar a calidade de vida local e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social
O mellorado complexo deportivo municipal de A Veiga, en San Cibrao. EP
photo_camera O mellorado complexo deportivo municipal de A Veiga, en San Cibrao. EP

A Xunta de Galicia, a través de Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, abriu a nova convocatoria de dúas liñas de axudas. A primeira delas enmárcase no apoio do Goberno galego aos concellos e a segunda no marco do Plan Específico de Acción Comunitaria, segundo detallan as respectivas ordes publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). A primeira dótase de 3,5 millóns de euros, mentres que na segunda mantén a partida de 3 millóns de euros do ano pasado.

Apoio aos concellos

A primeira destas convocatorias destínase á creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

A través dela subvenciónanse as obras de instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública e de pavimentación en camiños públicos municipais.

Tamén poden acollerse ás axudas as obras de construción, mellora e ampliación de parques infantís, así como a súa cubrición ou a construción de novos parques infantís cubertos.

No tocante aos edificios ou dependencias destinados á prestación de servizos municipais, poderán subvencionarse as obras de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación, as de adaptación para a súa accesibilidade e a dotación de equipamentos.

Deste xeito, considéranse gastos subvencionables os vinculados á execución das obras e á adquisición de mobiliario e de material de oficina, informático e audiovisual.

Estas axudas van dirixidas aos concellos, que poden solicitalas de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións, sempre que teñan menos de 30.000 habitantes –de acordo coas cifras do padrón municipal– e teñan remitida a conta xeral correspondente ao exercicio de 2021 ao Consello de Contas. Cada concello pode presentar un máximo de dúas solicitudes, sempre que unha delas sexa individual e outra conxunta e para actuacións diferentes. Ademais, cada petición debe corresponderse cun único proxecto, que pode abranguer varias accións.

A colaboración do Goberno galego financiará ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas.

Nos criterios de avaliación incentívanse os proxectos conxuntos e, dentro das tipoloxías, as melloras en parques infantís como medida de apoio ás familias e ao impulso demográfico.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).O prazo é dun mes, desde a publicación no DOG e finaliza o 20 de febreiro.

Dotacións e servizos básicos

Así, o Goberno galego quere impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico. O obxectivo é a mellora das dotacións e infraestruturas básicas e dos servizos municipais. Búscase favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, a prol dunhas óptimas condicións de vida con independencia do lugar de residencia.

Ao abeiro da convocatoria, no ano 2022 financiáronse en Galicia 108 actuacións, por importe de 3.491.887,96 euros, a maioría relacionadas con melloras en edificios ou dependencias municipais.

Os 30 proxectos deste tipo supuxeron unha achega superior aos 812.102 euros. Destacan tamén as 29 actuacións en parques infantís por case 959.362 euros, co obxectivo de ofrecerlles ás familias e á rapazada espazos de lecer.

Para mellorar a calidade de vida nos núcleos rurais dos municipios tamén se concederon 24 axudas para a pavimentación de camiños públicos, que sumaron 890.746 euros, e 18 relacionadas coa posta en marcha ou o acondicionamento de instalacións deportivas municipais, cunha achega global de 603.153 euros. Os sete proxectos restantes combinaron distintas tipoloxías e representaron unha suma de 226.523 euros.

A provincia da Coruña foi a que máis axudas recibiu, con 31, seguida de Ourense, con 27, e Lugo e Pontevedra, con 25 cada unha.

Apoio ás asociacións

No tocante á segunda destas convocatorias de axudas, enmarcada no Plan Específico de Acción Comunitaria destinado a asociacións veciñais –incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños–, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais, a Xunta mantén a dotación de 3 millóns de euros do ano pasado.

Neste caso, o obxectivo do apoio do Goberno galego é garantir a actividade destes colectivos coa finalidade de mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.

De feito, esta orde de axudas permitiu a 224 entidades veciñais realizar obras nos seus locais sociais, adquirir novo mobiliario e equipamento ou reparar captacións e traídas de auga no caso das comunidades de usuarios de augas.

O investimento realizado pola Administración autonómica desde que en 2016 se puxo en marcha este plan é de case 19 millóns de euros, cos que se apoiaron ata a actualidade máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

Desta nova convocatoria de Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes poderán beneficiarse as asociacións veciñais ou de mulleres rurais inscritas debidamente no rexistro de asociacións da comunidade central ou provincial, así como aquelas comunidades de usuarios de augas rexistradas no libro de rexistro de augas do correspondente organismo.

Entidades beneficiarias

Neste caso poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia para realizar investimentos –tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso– e traídas de auga veciñais.

As entidades deberán estar debidamente inscritas no correspondente rexistro de asociacións central ou provincial e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños, ou como asociación de mulleres rurais, segundo o caso.

No caso das comunidades de usuarios de augas tamén deberán estar legalmente constituídas e inscritas no libro do Rexistro de Augas do correspondente organismo de bacía como titulares do aproveitamento de augas para o cal solicitan subvención.

Actuacións subvencionables

Nas axudas aos colectivos, entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas de apoio.

A primeira delas, dotada con 2,5 millóns de euros, destínase a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

Na segunda, cos 500.000 euros restantes, finánciase a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutros recursos para actividades específicas.

As axudas económicas que se concedan poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras, e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) –o prazo é dun mes e remata o 17 de febreiro–. A orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación das solicitudes presentadas segundo os criterios de valoración establecidos na mesma.


"Conseguimos arranxar o local social para reunións; puxemos ventás e unha rampla de acceso"

Ramón Arias é o presidente da Asociación de Veciños de Santa Cristina de San Román, un colectivo creado no ano 2020, durante a pandemia, co obxectivo de acadar melloras que contribúan ao incremento da calidade de vida da veciñanza desta parroquia localizada a uns 12 quilómetros da capital lucense.

Por que decidiron crear a asociación veciñal?
Porque a parroquia necesitaba melloras que non daban chegado, así que decidimos xuntarnos os veciños para darlle un impulso. ¿Cantos asociados son? Arredor de 30, un por cada unha das casas e familias que se quixeron asociar. Cando nos xuntamos reunímonos todos.

Cal é a principal actividade da asociación?
Reivindicar melloras que precisamos. Este ano logramos traer o aglomerado, que se instalasen varios puntos de luz e unha báscula para os gandeiros. Tamén conseguimos arranxar o local social para reunións, grazas ao apoio da Xunta de Galicia ás asociacións; cunha axuda de 12.000 euros para obras e 5.000 para mobiliario.

En que investiron esa axuda?
Puxemos novas ventás, porque as que había eran de hai 50 anos, cando se fixo o local social. Instalamos unhas reixas para as fiestras e tamén creamos unha rampla de accesibilidade, entre outras.

Prevén solicitar as axudas nesta nova convocatoria?
Si. Agora gustarianos arranxar a planta superior do local social se nola conceden. Temos un baño e unha cociña, porque é donde facemos algunhas comidas veciñais, e quereriamos facer melloras. De feito, o 4 de febreiro faremos unha destas comidas para os socios, a base de empanada, pulpo, churrasco mixto, postre e bebidas, e tamén invitaremos ás autoridades. Será nunha carpa que nos ceden, na parte exterior do local.

A planta inferior está arranxada?
Si, pintouse e puxéronse uns canalóns. A nosa actividade, como dixen, consiste en pedir ás institucións axudas para poder mellorar a parroquia e que así a xente quede no rural, porque os novos queren irse á capital. Nós queremos mellorar as condicións que hai aquí para que se queden. Xa conseguimos arranxar os accesos a varias fincas e sacar varios tapóns urbanísticos que había na zona. Tamén pediremos unha axuda para unha estufa de pellets.

Que outras actividades desenvolven no local social?
Reunións e cursos formativos, tanto para os maiores como para a mocidade. Hai dous previstos.

Como valora as axudas da Xunta ás asociacións? Cre que deberían ter continuidade no tempo?
Por suposto. Son moi positivas, porque ao ser axudas directas ás asociacións veciñais é como mellor se reparten. Os veciños coñecemos as necesidades que hai e sabemos donde é necesario investir.

Teñen previsto reivindicar algunha outra mellora ademais das destinadas ao local social?
A través da Xunta quereriamos conseguir unha axuda para poñer unha rampla de accesibilidade na igrexa parroquial, e tamén solicitaremos melloras no saneamento e que se instale a fibra óptica, pois hoxe son necesidades básicas.


"Mellorar os servizos básicos é primordial para conseguir que a xente quede a vivir no rural"

Antas de Ulla é un dos municipios da provincia beneficiarios nunha anterior convocatoria das axudas da Xunta de Galicia de apoio aos concellos. O alcalde, Javier Varela, destaca a importancia destas subvencións para mellorar servizos e así incrementar a calidade de vida da veciñanza.

A que actuacións destinou o Concello de Antas de Ulla as axudas da anterior convocatoria?
Dunha parte, nunha zona que antes se empregaba como un vertedoiro, desenvolvemos a primeira fase dunha actuación destinada a convertela nunha zona verde axardinada, na liña que mantemos desde o goberno local para recuperar espazos degradados. Ademais, fixemos unhas obras moi importantes en varios lugares, como o de Feás, que se pavimentou completamente, ou no Castro de Santa Cristina. Así mesmo pavimentouse un enlace desde a estrada de Santa Mariña á N-640, co que os usuarios dese viario aforran agora circular por un tramo moi sinuoso e perigoso. Con estas axudas fixemos obras que eran moi necesarias.

Prevén concorrer este ano á nova liña de axudas?
Si, por suposto.

Saben, en caso de que llas concedesen, a que as destinarían?
A continuar coa recuperación de espazos degradados e a acometer novas pavimentacións, que é o máis urxente agora mesmo.

Considera vostede que estas axudas contribúen á mellora da calidade de vida da veciñanza e a fixar poboación no rural?
Mellorar os servizos básicos é o primordial para conseguir que a xente quede a vivir no rural. É preciso que existan unhas boas conexións, unhas infraestruturas humanizadas, parques infantís, instalacións donde practicar deporte, zonas verdes, etc. As dotacións e a creación de postos de traballo son fundamentais para conseguir que a xente permaneza no rural. Trátase de reducir a fenda coas cidades, porque se é verdade que nas grandes urbes se pode estar moi ben, no rural pódese vivir tamén moi ben, e incluso mellor.

Tamén é precisa a mellora doutros servizos como a rede de saneamento ou ofrecer a posibilidade de instalación de fibra óptica.
Efectivamente. Aquí en Antas de Ulla estamos traballando para que este ano a fibra óptica chegue ao 100% da poboación, con todas as operadoras que están colocando fibra, porque agora esta é unha das actuacións que máis demanda a veciñanza, sobre todo a de mediana idade. No tocante á rede de saneamento, é difícil cubrir a totalidade do municipio pola dispersión dos núcleos de poboación. O mantemento é complexo, non o primeiro ano, senón cando xa transcorreu un tempo. Estas liñas de axuda, en concreto, non son as destinadas a poder acometer actuacións que requiren un investimento tan elevado. Son subvencións de apoio aos concellos para actuacións máis puntuais, pero non menos necesarias; porque, en definitiva, tanto a pavimentación de accesos como a recuperación de espazos degradados resultan fundamentais para garantir no día a día esa calidade de vida da que falabamos.