Acordo na Semana Verde para impulsar a agricultura ecolóxica no rural galego

Xunta, Craega e Carrefour firmaron un convenio para fomentar o consumo deste tipo de produción
Representantes da Xunta, de Craega e Carrefour, este sábado en Silleda
photo_camera Representantes da Xunta, de Craega e Carrefour, este sábado en Silleda

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou este sábado na Feira Semana Verde un acordo de colaboración con Carrefour e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia para promocionar os produtos ecolóxicos. Así, Vázquez destacou en Silleda "o peso deste eido no agro galego, tanto pola súa magnitude económica,como pola súa transcendencia social, ambiental e cultural".

Vázquez reafirmou a aposta da Xunta por impulsar este tipo de producións, que cada vez teñen máis consumidores. Neste senso, con este convenio marco preténdese fomentar a agricultura e gandaría ecolóxica certificada, levando a cabo actuacións de dinamización do mercado interno e promover o consumo destes alimentos.

O acordo, que ten unha vixencia dun ano e pode ser prorrogable outro máis, tamén permitirá desenvolver actuacións e servizos de información, asesoramento e formación que contribúan ao desenvolvemento da capacidade profesional e empresarial do sector.

Nesa aposta pola agricultura ecolóxica, Ángeles Vázquez subliñou que o seu departamento destinará 4,3 millóns de euros nos próximos anos para fomentar a súa práctica. "O obxectivo é pasar das 27.000 hectáreas que hai agora mesmo ás 35.000, xa que tanto a superficie inscrita como os operadores foron incrementándose nos últimos tempos", sinalou.

Comentarios