Unha medida do PAN

A Xunta favorece a conciliación laboral con escolas infantís en contornas empresariais

O obxectivo é que as familias dispoñan dun lugar para a atención dos seus fillos e fillas preto do posto de traballo ▶O Goberno financiará ata o 80% do gasto do centro e do proxecto previo, ata un máximo de 328.000 euros por escola
Alumnos dunha escola infantil lucense
photo_camera Alumnos dunha escola infantil lucense

As primeiras escolas infantís para nenos e nenas de 0 a 3 anos en contornos empresariais estarán construídas e en funcionamento o vindeiro ano. Trátase dunha medida pioneira na Comunidade Autónoma impulsada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia coa que quere implicar ás empresas na aposta pola conciliación. O obxectivo é que as familias dispoñan dun lugar para a atención dos seus fillos e fillas preto dun posto de traballo. Ademais de avanzar na corresponsabilidade da administración pública e das empresas no desenvolvemento de medidas de conciliación, esta iniciativa pode fomentar a creación de contornos laborais máis atractivos e eficientes. Ao respecto, dende Política Social sublíñase o feito de que medidas de conciliación como esta contribúen a crear contornos laborais máis atractivos e eficientes xa que levan asociadas vantaxes que favorecen a mellora do clima laboral e o incremento da rendibilidade das empresas, pois axudan entre outras cuestións a diminuír o absentismo e a rotación de persoal, sendo un factor de fidelización e de retención do talento.

Na actualidade, a administración autonómica está a analizar as solicitudes das asociacións empresariais ou entidades representantes de parques empresariais ou polígonos empresariais que amosaron o seu interese en contar cun recurso educativo e de conciliación ao carón dos centros de traballo. Cómpre lembrar, que a Xunta de Galicia iniciaba o pasado mes de xuño o proceso para a apertura destas escolas infantís en contornos empresariais coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da orde que regula a concesión de axudas para a materialización das mesmas. A contía desta convocatoria ascende a un total de 2.343.468 euros distribuídos en dúas anualidades, correspondendo 585.867 euros ao presente exercicio e 1.757.601 ao ano 2017. Este importante investimento conta con financiamento por parte do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 20142020.

CARACTERÍSTICAS. A previsión inicial da Xunta de Galicia contemplaba que ao longo do vindeiro ano abrirán un máximo de sete escolas infantís en contornos empresariais, pero o prazo de presentación de solicitudes pechouse con cinco ofertas que agora están a revisar os servizos técnicos da Consellería de Política Social. Así, estas solicitudes deben incluír un plan de viabilidade co compromiso de realizar todas as actuacións precisas para a posta en funcionamento e mantemento do centro durante un período mínimo de cinco anos. Ademais, teñen que acreditar a disposición dunha parcela de terreo apta para o establecemento da escola infantil, a cal estará separada da actividade industrial e preferentemente emprazada nunha zona axardinada.

Outro dos requisitos necesarios é achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos nenas menores de tres anos potenciais usuarios, incluídos aos non nados ou en proceso de adopción. Con independencia do proxecto presentado, a Xunta de Galicia financiará unha escola infantil cun mínimo de tres unidades e 41 prazas. En concreto, a administración autonómica sufragará ata o 80% do gasto realizado cun máximo de 328.000 euros por escola, sendo motivo de subvención tanto a construción do centro como a realización do proxecto previo. Así mesmo, entre os criterios que se terán en conta para a concesión da achega económica está o número de traballadores que se poidan beneficiar da escola e o número de recursos de atención á infancia existentes no concello.

COMPLEMENTO. A apertura de escolas infantís en contornos empresariais complementa outras medidas da Consellería de Política Social neste ámbito como o incremento das prazas públicas ou financiadas con fondos públicos na rede de escolas infantís de Galicia, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a creación de Casas Niño no rural ou a Tarxeta Benvida. En materia de conciliación, Galicia está a seguir as recomendacións da Unión Europea que sinala que estas políticas son a resposta clave aos retos económicos e demográficos a longo prazo e, neste sentido, teñen un impacto significativo na mellora da calidade de vida e de traballo das persoas, no aumento da produtividade das empresas e na igualdade efectiva de oportunidades entre homes e mulleres.

Comentarios