A Xunta estuda onde colocar cámaras na catedral de Santiago para disuadir os vándalos

O conselleiro de Cultura lamenta o último ataque que atribúe a "desalmados que atentan" contra o patrimonio

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asegurou este sábado que a Xunta estuda onde colocar cámaras na contorna da Catedral de Santiago para protexer o patrimonio e "disuadir a aqueles desalmados que queiran atentar" contra o mesmo. 

Unha medida que o Executivo galego pretende levar a cabo despois de que o pasado martes a catedral amencese con cinco pintadas reivindicativas en varias das súas fachadas. 

Tal como explicou Rodríguez en declaracións aos medios, o Goberno autonómico está a traballar para pór en marcha medidas preventivas, "a través de sistemas de seguridade" que "impidan que isto volva suceder". 

"Neste sentido, os técnicos da dirección xeral de Patrimonio están en contacto coa Fundación Catedral, coa que xa tivemos varias reunións. Agora estamos á espera doutro encontro, neste caso coa subdelegación do Goberno da Coruña, porque debemos ter as medidas necesarias para prever e sobre todo para protexer o patrimonio", subliñou o conselleiro de Cultura e Turismo.

CONCELLO. Así, indicou que os traballos tratan de detectar "puntos mortos" e "puntos sensibles" para poder situar alí vixilancia. 

Preguntado sobre unha posible implicación do Concello, a pesar da polémica xurdida esta semana após as declaracións do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, de que o conselleiro tratou de "instrumentalizar" o feito; Rodríguez asegurou que "se falará co Goberno local". 

"Creo que é un clamor de todo o mundo, das formacións políticas e da sociedade", sinalou o titular de Cultura, quen engadiu que "todo o mundo entendo que non se trata de pór cámaras porque si, trátase de pór cámaras que, respectando sempre a privacidade das persoas, permitan obter un rédito fundamental, que é protexer o patrimonio". 

"A resposta foi practicamente unánime do conxunto da sociedade e creo que neste sentido, todo o que sexa necesario para mellorar a seguridade da Catedral temos a obrigación de facelo", apuntou.

Os traballos de limpeza, "complicados"
Pola súa banda, en canto aos labores de limpeza, Román Rodríguez non quixo estimar a duración das mesmas e explicou que son uns "traballos complicados" xa que "non se trata de borrar de calquera xeito as puntadas, senón de que cando se retiren non quede ningún selo na pedra". 

Así mesmo, lamentou que os produtos químicos utilizados para pintar as paredes do monumento son "moi penetrantes" na porosidade do granito. 

"Non ten ningún sentido facer ese dano a un ben patrimonio da Humanidade", criticou, polo que reiterou que espera que se atope ás persoas que realizaron as pintadas e que se lles impoña a lei, que pode implicar multas de até 150.000 euros. 

Comentarios