A Xunta pide aos Franco que cedan gratuitamente os fondos da biblioteca do Pazo de Meirás

A Consellería de Cultura propón a Cidade da Cultura para albergar os case 4.000 volumes da biblioteca que reuniu Emilia Pardo Bazán

Foto de archivo del Pazo de Meirás. AEP
photo_camera Pazo de Meirás. EP

A Consellería de Cultura e Turismo remitiu unha carta aos herdeiros de Francisco Franco na que lles ofrece a Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, para albergar os fondos da histórica biblioteca de Emilia Pardo Bazán que aínda permanecen no Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña). 

A histórica propiedade, que foi propiedade da escritora galega, chegou a mans de Francisco Franco en 1938 despois de que a Deputación organizase un peditorio popular para a súa adquisición, e permanece en mans dos seus herdeiros. 

A Consellería propón que a cesión dos volumes, que teñen "un gran interese cultural", sexa gratuíta. O obxectivo é conservalos mediante a catalogación, dixitalización e investigación dos fondos conservados, de forma que se permita tamén o acceso ao público en xeral.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, sinalou que a cesión dos fondos bibliográficos de Pardo Bazán realizaríase á Biblioteca de Galicia. Trátase da biblioteca central do sistema galego de bibliotecas e centro de conexión da Rede de bibliotecas públicas con ámbito internacional. 

Con esta cesión "contribuirase a garantir a súa custodia e conservación en óptimas condicións", subliñou. 

A propietaria inicial das Torres de Meirás, a escritora galega Emilia Pardo Bazán, creou unha biblioteca con preto de 17.000 volumes dun alto valor bibliográfico e histórico. 

Unha parte substancial dos fondos foron doados á Real Academia Galega en 1978 e pódense consultar na Casa-Museo Pardo Bazán na Coruña, un espazo xestionado pola RAG. 

Con todo, o mesmo ano desta doazón, a Torre de Meirás, que albergaba a biblioteca, sufriu un incendio do que se descoñece de forma precisa a súa dimensión. No entanto, a Consellería estima que o Pazo aínda alberga ao redor de 4.000 volumes.

TITULARIDADE DO PAZO. Os herdeiros de Franco, que seguen ostentando a titularidade do Pazo de Meirás, puxeron á venda a propiedade nun portal inmobiliario por oito millóns de euros. 

En xullo deste ano, o Parlamento de Galicia adoptou un acordo unánime polo que se insta ao Estado a emprender accións xudiciais para recuperar a titularidade pública do Pazo de Meirás. 

Desde a Xunta de Galicia lémbrase precisamente este acordo e faise fincapé en que a responsabilidade está en mans do Goberno central, ao que se remitiu o informe elaborado pola Comisión de expertos ao Ministerio de Xustiza, para que valore as posibilidades de que o Pazo se incorpore ao patrimonio público. 

Neste sentido, a Xunta remarca que o proceso "está en mans da administración xeral do Estado" e que, precisamente, o asunto foi abordado na reunión mantida en outubro entre o conselleiro e o Ministro de Cultura. 

Comentarios