A Xunta destina 18 millóns á gratuidade de segundos fillos e sucesivos nas escolas infantís

Feijóo preside este martes o último Consello do ano
Una profesora en un aula vacía. EFE
photo_camera Unha mestra nunha clase de infantil. EFE

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside este martes o último Consello do ano, no que estará sobre a mesa unha partida de 18 millóns de euros para manter a gratuidade, nas escolas infantís de iniciativa social e privadas, para segundos fillos e sucesivos. Esta gratuidade aplícase, así mesmo, nas escolas infantís públicas. 

Así, segundo adiantaron fontes da Xunta, trátase dunha convocatoria con 7,5 millóns de euros para o funcionamento e a gratuidade das escolas de iniciativa social e outra de 10,6 para as privadas. Ambas as ordes de axudas, que serán publicas "nos próximos días", inclúen "novidades" co obxectivo de "facilitar a planificación dos centros e mellorar a súa xestión". 

Concretamente, a convocatoria será plurianual, de forma que cubrirá os meses que quedan do curso 2020/2021 e todo o curso 2021/2022. Ademais, incorpórase un anticipo do 100 por cen, de forma que a escola cobrará de forma anticipada e unha soa vez toda a contía que lle corresponda ese ano. 

Naquelas escolas infantís de iniciativa social que conten con comedor, as axudas incrementaranse un 2,25 por cento no caso de que utilicen habitualmente alimentos de proximidade. O Consello da Xunta celebra este martes a última reunión, debido á intensa axenda institucional dos próximos días.

O mércores ten lugar o acto de Translación do Apóstolo e o xoves 31, a apertura da Porta Santa que arrinca tamén Xacobeo 21. 

Comentarios