A Xunta defenderá manter a PAC cun orzamento similar ao dos anos anteriores

Desde a oposición alertan de que a perda de fondos pode significar o fin dun rural galego agonizante

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, este martes ante o pleno do Parlamento de Galicia para informar sobre o futuro da PAC. XOÁN REY (EFE)
photo_camera A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, este martes ante o pleno do Parlamento de Galicia para informar sobre o futuro da PAC. XOÁN REY (EFE)

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegurou este martes que a postura do Goberno galego de cara ás negociacións da próxima Política Agraria Común (PAC) consistirá en defender que esta teña un orzamento similar ás anteriores e se estruture en base aos mesmos alicerces.

Vázquez compareceu este martes a petición propia ante o pleno do Parlamento de Galicia para expor a actual situación da PAC antes de que dean comezo as negociacións que definirán o seu futuro a partir do ano 2020, ameazado polo brexit e polos previsibles incrementos en partidas relacionadas coa inmigración ou a seguridade.

En calquera caso, a responsable autonómica do Medio Rural indicou que a Xunta mantén unha "posición consensuada" coa maioría de comunidades autónomas españolas e que non "difire moito" da doutros países veciños do sur de Europa.

Así pois, insistiu en que é "imprescindible" manter o orzamento actual para poder afrontar os futuros retos do sector agroalimentario e que funcione en base aos dous alicerces actuais: as axudas directas de reforzo da produción e complemento das rendas e os fondos de desenvolvemento rural para proxectos de investimento.

Vázquez pon o foco na investigación e a innovación para conseguir producir máis con menos

Para preparar o terreo, Vázquez lembrou que o comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Unión Europea (UE), Phil Hogan, visitará Galicia nos próximos meses, momento que poderá aproveitar para trasladarlle a postura do Goberno autonómico de cara a unhas negociacións que darán comezo en breve, despois de que se publique o próximo 2 de maio a proposta inicial da PAC posterior a 2020.

Do mesmo xeito, a conselleira repasou a influencia fundamental que tivo a PAC no desenvolvemento do rural e da agricultura en Galicia, xa que conseguiu –expuxo– mellorar a produtividade, modernizar a produción e aumentar a competitividade.

Segundo ela, ata 2.600 millóns de euros recibiron os 33.000 beneficiarios anuais galegos da PAC, a un ritmo de 190 millóns de euros por ano, cifras que, desagregadas nos moitos concellos rurais perceptores, como A Pastoriza, Frades ou Montederramo, chegan a superar o propio orzamento municipal.

"Agora toca afrontar novos retos", advertiu Vázquez, que puxo o foco sobre a "investigación" e a "innovación" para conseguir "producir máis con menos" e manter a posición de Galicia como unha referencia europea no ámbito agroalimentario.

Con todo, os grupos da oposición mostráronse menos optimistas co escenario que se abrirá a partir de 2020 coa nova PAC, xa que alertaron de que a perda de fondos pode significar o final dun rural galego agonizante.

Mini lamenta que a PAC servise para rematar un medio rural en proceso final de desintegración

A este respecto, David Rodríguez, de En Marea, opinou que a nova política agraria comunitaria non é máis que un "lavado de cara" a un modelo "incompatible" coa sustentabilidade do rural galego e criticou a escasa transparencia da Xunta no proceso de fixar unha postura de face ás negociacións para o debate da PAC.

Á súa vez, José Antonio Quiroga, do PSdeG, cuestionou os criterios de repartición dos fondos da PAC, xa que –denunciou– finánciase máis aos propietarios que aos produtores, unha "cuestión de modelo" que esperta as reticencias dos países contribuíntes netos.

"Pódese e débese abrir un debate sobre como se reparten eses fondos", reiterou Quiroga, que convidou á Xunta a tomar nota do modelo francés para perfeccionar o impacto da PAC en Galicia.

En canto ao BNG, o deputado Xosé Luís Rivas Mini, lamentou que a PAC servise para rematar un "medio rural en proceso final de desintegración", xa que os sucesivos gobernos populares foron minando en emprego e poboación o rural galego e hipotecando o seu futuro, mantivo.

Por parte do PPdeG, o parlamentario José González Vázquez saíu en defensa da Xunta e da xestión duns fondos comunitarios que serviron –terciou– para conseguir niveis de vida dignos no rural e facelos crecer en emprego, así como en sustentabilidade.

Comentarios