martes. 20.10.2020 |
El tiempo
martes. 20.10.2020
El tiempo

A Xunta declara "esencial e estratéxico" o sector electrointensivo galego co foco en Alcoa

Un empleado de Alcoa, durante una protesta. VICTORIA RODRÍGUEZ
Un empleado de Alcoa, durante una protesta. VICTORIA RODRÍGUEZ

Feijóo agradece "o compromiso" do Goberno de "chegar á intervención" da factoría de Cervo "se fai falta" e "o consenso" no Congreso
 

O sector electrointensivo galego será esencial e estratéxico para a economía da comunidade, segundo acordou este xoves o Consello da Xunta. Con este paso, o Goberno galego cumpre un compromiso adquirido o pasado mes de xullo, cando se presentou o plan da Xunta para esta industria. 

Anunciouno o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen lembrou as vantaxes que supón esta declaración a nivel tramitación para as empresas que queiran investir neste sector e puxo o foco no futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, en "situación crítica". 

Feijóo subliñou que, "após as (eleccións) autonómicas", a Xunta "conseguiu" que o Goberno central "traballe xunto" a ela e o comité de empresa para tratar de solucionar "un problema" ao que se chega "tarde", aínda que lamentou que é máis complicado liquidar situacións cando "os problemas se deixan podrecer". 

"Saudamos moito o cambio de actitude do Goberno central e o consenso do Congreso en relación con non descartar a posibilidade de intervir a factoría por parte da Sepi e do Goberno central", esgrimiu Feijóo, quen tamén agradeceu o "compromiso" do Executivo sobre a posibilidade de chegar a dar este caso "se fixese falta". 

Non en balde, aínda que non perde "a esperanza" e aínda contempla algunha vía "para seguir negociando", confesou que ve máis lonxe que hai semanas unha posible "solución amigable" para a fábrica de Cervo. Por iso, destacou o paso dado este xoves pola Xunta, aínda que lamentou que faltan "ferramentas" que tería que impulsar o Executivo central para o sector. "Seguimos sen un estatuto para as electrointensivas e sen un prezo competitivo", advertiu Feijóo.

"MENSAXE" DA XUNTA. En todo caso, identificou a declaración deste xoves como "unha mensaxe" da Xunta aos compradores de Alcoa ou a calquera compañía que queira investir nunha actividade que a Administración considera esencial para o crecemento e desenvolvemento económico da Comunidade. En Galicia supón o 5,7% do valor engadido bruto (VAB) e representa case a metade (45,2%) do sector industrial autonómico. 

Segundo detalla a Xunta, trátase dunha industria que engloba o sector do aluminio (Alcoa, Cortizo, Aluman, Exlabesa e Extrugasa), pero tamén a siderurgia (Megasa e Celsa), a metalurgia non férrea (Ferroatlántica e Xeal), a fabricación de cementos (Cementos Cosmos), a transformación da madeira (Finsa, Grupo Tojeiro e Intasa) e os sectores papelero (Ence), químico (Showa Denko Carbon Spain) e conserveiro (Jealsa e Frinsa). 

Tamén se caracteriza porque o custo enerxético da súa actividade pode chegar a supor un 50% dos custos de produción, polo que a electricidade é un factor primordial nolos seus procesos. 

Grazas a esta declaración, as empresas que integren o sector electrointensivo de Galicia que presenten proxectos de ampliación, modernización ou transformación e cumpran, polo menos, dúas dos seguintes requisitos --xeración de 25 ou máis postos de traballo directos baixo a modalidade de contrato indefinido a xornada completa; que impliquen un investimento en activos fixos igual ou superior a un millón de euros; que sexan tractores ou complementen cadeas de valor-- terán con carácter automático a consideración de iniciativas empresariais prioritarias.

Isto outorga carácter prioritario aos trámites que son competencia do Goberno autonómico para a implantación e posta en marcha do proxecto, reducindo os prazos administrativos á metade, a condición de que manteñan os requisitos esixidos e cumpran as directrices autonómicas a nivel lexislativo, técnico e ambiental.  Así mesmo, serán obxecto dun seguimento personalizado e específico desde a Oficina Doing Business Galicia até a súa implantación. 

A Xunta declara "esencial e estratéxico" o sector electrointensivo...
Comentarios