A Xunta completa a serie Celga en liña e impulsa unha modalidade de autoformación

Este novo formato de aprendizaxe terá matrícula aberta e sen límite
Presentación do curso Celga1 en liña. XUNTA
photo_camera Presentación do curso Celga1 en liña. XUNTA

A Xunta de Galicia completa a serie de cursos de preparación para a obtención do certificado de lingua galega co Celga 1 en liña, que ademais ofrece por primeira vez a posibilidade de completalo a través dunha modalidade de autoformación. 

Este novo formato de aprendizaxe terá matrícula aberta e sen límite e realizarase de forma similar a un MOOC (os cursos en liña masivos e abertos), a través de diversos módulos de aprendizaxe, leccións, exercicios e complementos audiovisuais. 

Así o trasladou en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na que estivo acompañado polo secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira. 

Estas novidades completan a serie iniciada "fai catro anos", explicou García, na que cada exercicio se foi incrementando a oferta de formación online para a obtención do certificado acreditativo Celga e foise ampliando e estendendo a cada un dos niveis. 

Esta semana engádese o Celga 1 en dúas variables. A primeira delas será tutorizada e con límite de alumnos, que conta con tres cursos e un total de 150 prazas. 

A principal novidade radica na segunda modalidade: un curso de autoformación sen titor e sen límite de matrícula que busca "universalizar" esta oferta formativa e pola a disposición de calquera cidadán. 

O curso de autoformación está organizado en 12 unidades ordenadas por seccións e apartados, con 20 actividades en cada unha delas e unha serie de exercicios de gramática, vocabulario, entre outros, acompañados de vídeos interactivos e explicativos. 

O titular de Política Lingüística explicou que esta opción está pensada especialmente naqueles interesados que se atopan no exterior do territorio ou que chegaron e son de procedencia foránea, e que representan preto do 90 por cento dos matriculados. 

"Permite que todo o mundo se poida matricular en calquera momento, simplemente dándose de alta e facendo o curso conforme ás súas posibilidades horarias e condicións particulares", destacou. 

O obxectivo do Goberno galego é avanzar cara a este modelo e ir estendendo esta posibilidade de autoformación a todos os cursos Celga co paso de tempo. Así mesmo, a Xunta atópase traballando coa empresa 'Imaxin' na elaboración destes contidos e está a traballar na posibilidade de facer as probas en liña.

SISTEMA EN LIÑA. Neste sentido, Política Lingüística cre que estes cursos son "unha oportunidade" para ser unha especie de "laboratorio de probas para pór en marcha un sistema de certificación de coñecementos en liña" e potenciar a proxección exterior por esa vía. 

Todo iso, engadiu García, enmárcase na liña de acción de situar a lingua galega á beira das novas tecnoloxías e "nos procesos máis avanzados", en igualdade cos idiomas máis grandes do mundo. 

Pola súa banda, Rodríguez Miranda incidiu en que esta noticia ten unha "transcendencia especial" para a Galicia exterior, sobre todo para os descendentes de galegos e aqueles que "estean a pensar en volver" á comunidade e necesiten "refrescar" ou adquirir coñecementos e nocións básicas do idioma. 

"Facilitará a chegada a calquera galego do mundo e iso abrirá portas para ir subindo niveis e adquirindo mellor coñecemento", sinalou, para asegurar que Emigración ten constancia de que hai "moitísimos interesados" e peticións que chegan á Secretaría Xeral.

PROBAS. Doutra banda, o DOG publicou a convocatoria das probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4, para este ano. O prazo de solicitude estenderase desde este xoves e até o 12 de abril. 

As probas dos distintos niveis Celga terán lugar nos meses de maio ou xuño, sempre que a evolución da crise sanitaria ocasionada pola covid-19 permítao, en Santiago e Ponferrada. 

Comentarios