martes. 13.04.2021 |
El tiempo
martes. 13.04.2021
El tiempo

A Xunta atribúe o brote no 'Venturer' a que os test feitos antes de partir "non son infalibles"

El pesquero gallego 'Venturer'. MARINE TRAFFIC
El pesquero gallego 'Venturer'. MARINE TRAFFIC
A Consellería do Mar alega que corresponde ao Estado facer o protocolo covid en barcos: "Nós non podemos facer outra cousa que insistir" 

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda atribuíu a aparición do brote de coronavirus no buque 'Venturer', que estivo confinado durante un mes en Salvador de Baía (Brasil) tras partir de Vigo rumbo ás Malvinas, a que o test realizados antes de embarcar "non son infalibles". "Estas cuestións pódense dar", agregou. 

Como resposta a unha pregunta formulada polo BNG na Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, do Parlamento de Galicia, a directora xeral remitiuse á información trasladada por parte da empresa armadora --Pescapuerta-- para asegurar que os membros da tripulación "realizaron illamento en terra e test PCR previo ao embarque e que o resultado foi negativo en todos os casos". 

No entanto, días máis tarde, cando o 'Venturer' navegaba en alta mar, detectouse un posible caso que acabou desembocando nun brote dunha trintena de afectados e cinco ingresos nun centro privado de Brasil "por custos da aseguradora". 

Entre estas hospitalizacións, a dun galego que chegou a estar na unidade de coidados intensivos (UCI) que, segundo confirmou Rodríguez Moreda, xa recibiu o alta e viaxa de volta a Galicia. Ademais, o barco puido retomar a súa traxectoria o pasado xoves, 26 de febreiro, tras dar negativo nas probas feitas ao conxunto da tripulación. 

Neste contexto, a deputada do BNG Rosana Pérez preguntou na comisión se ao Goberno galego "non lle parece estraño" que a tripulación fixese as probas e a corentena "tal e como se dixo" se logo aflorasen casos. Así mesmo, aínda que a iniciativa parlamentaria fora rexistrada para o caso concreto do 'Venturer', fixo referencia ao 'Argos Pereira', que tamén partiu de Vigo e estivo confinado en datas similares o porto de Montevideo (Uruguai) por outro brote. 

Así, a directora xeral de Pesca, que se limitou a responder sobre o 'Venturer', lembrou á deputada nacionalista que "os test non son infalibles" e que tamén en terra se dan "casos de falsos negativos e falsos positivos". "O problema é que, cando se dan no mar, pode ser máis complicado de atender", recoñeceu. 

DEFENDE OS CONTACTOS FEITOS POLA XUNTA. Ademais, sobre a actuación da Xunta, defendeu que a Consellería do Mar, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e a Secretaría Xeral da Emigración se puxeron en contacto co Goberno central e co Consulado en Salvador de Baía para demandar "información" e "atención" ao barco confinado. 

Rodríguez Moreda reivindicou que houbo contacto "en dez ou nove ocasiones" co Consulado, que ademais facía "de ponte" entre os médicos e a esposa do galego que permaneceu días na UCI, e confirmou que o 'Venturer' conta con Internet abordo, o que facilitou a comunicación da súa tripulación coas familias. 

Non en balde, a directora xeral de Pesca subliñou que a Xunta sempre segue "un a un" os brotes de covid en embarcacións na medida que o permiten as súas competencias. 

A este respecto, a deputada do BNG cuestionou que fose a esposa do mariñeiro ingresado a que contactase co Consulado polos seus medios: "Isto, a nós non nos parece razoable. A priori é a Administración a que ten que ser a primeira". 

30 BROTES NA FROTA GALEGA. Tras isto, durante a súa quenda de peche, Rodríguez Moreda respondeulle que a frota galega "leva sufrindo ao redor duns 30 casos entre brotes e casos illados" e que en todos eles "se mantivo contacto con entidades representativas e coas familias sen que houbese interese por parte do BNG nin por ninguén". 

Máis aló do seguimento sanitario, a directora xeral apuntou que "nunca foi demandado outro contacto polas empresas, tripulantes e centro radiomédico". "E ninguén, absolutamente ninguén, ningún sindicato se preocupou por eles e ningún grupo parlamentario sacou aquí ningunha pregunta. Non entendemos por que en ningún destes 30 casos houbo esta mediatización", criticou. 

UN PROTOCOLO FRONTE A BROTES. Así mesmo, a parlamentaria do Bloque tamén preguntou á directora xeral por que "a estas alturas", tras un ano de pandemia, non hai "un protocolo de actuación claro" por parte nin da Xunta nin do Estado fronte aos brotes xurdidos en embarcacións. 

Así, Rodríguez Moreda respondeu que a Consellería do Mar xa trasladou "en maio" ao Ministerio de Sanidade e ao Instituto Social da Mariña (ISM) a necesidade de contar con instrucións neste sentido. "Pero o protocolo corresponde a quen corresponde facer, nós non podemos facer outra cousa que insistir unha e outra vez". 
 

A Xunta atribúe o brote no 'Venturer' a que os test feitos antes...
Comentarios