martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

A Xunta activa as principais medidas do seu novo plan de acción fronte ao xabaril

Un xabaril atropelado no Monte Segade. AEP
Un xabaril atropelado no Monte Segade. AEP
Unha resolución declara emerxencia cinexética temporal en 33 concellos de A Chaira Betanzos-Eume, Viana e Deza ► Modifícase a resolución anual de vedas para que nos municipios as autorizacións de caza por danos sexan inmediatas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou o pasado 30 de setembro un novo plan de medidas para o control do xabaril, entre as que destaca a declaración de emerxencia cinexética temporal en catro áreas de Galicia: Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e Deza.

O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a resolución —de senllas Xefaturas Territoriais— pola que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nestas comarcas.

Trátase dunha decisión do Goberno galego tras constatar a existencia de danos ocasionados á agricultura, que abrangue a 33 concellos galegos, 76 tecores (terreos cinexéticamente ordenados) e 10 zonas libres.

En base a esta medida, permítese abater ou capturar nun total de 481.170 hectáreas exemplares de xabaril sen límites de cupo de ambos sexos, durante o período hábil de caza, que abranguerá ata o 29 de febreiro de 2020.

Entre as medidas que se poderán aplicar tras a declaración de emerxencia cinexética temporal nestas catro áreas, destaca a posibilidade de practicar a caza durante todos os días da semana, salvo nas zonas libres nas que se especifican certas salvedades no relativo aos días permitidos: así no período que abrangue ata o 6 de xaneiro de 2020, poderán realizarse cazarías de xabaril o luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos; e desde o 7 de xaneiro ao 29 de febreiro de 2020, ambos incluídos, poderán efectuarse cacerías os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.

A semana pasada tamén saíu publicada no DOG unha modificación da Resolución Anual de Vedas que regula a tempada cinexética en Galicia

En ambos casos deberán realizar unha comunicación previa á correspondente Xefatura Territorial cunha antelación mínima de 10 días naturais. Asemade, os tecores só deberán comunicar as cacerías correspondentes a aquelas xornadas que non estean aprobadas no seu plan anual de aproveitamento da tempada 2019/2020.

Tamén se autorizan medidas de agarda ou espera, de xeito que se poderán agrupar varias xornadas nunha soa comunicación. De xeito excepcional, poderase empregar un visor convencional óptico de aumento durante as prácticas nocturnas e fontes luminosas para a iluminación dos albos ou pezas de caza. Outras das medidas que se habilita con esta situación é que se autoriza aos propietarios dos terreos afectados a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardas ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético; e se permitirá a captura de exemplares mediante o emprego de gaiolas.

Esta medida tamén será autorizada para os terreos non cinexéticos e, no caso de que non sexan efectivas, permitiranse esperas, previa solicitude do interesado e sempre que se acredite a existencia de danos.

En todos os casos, os exemplares capturados mediante a aplicación destas medidas nas áreas de emerxencia cinexética temporal deberán identificarse mediante precintos e comunicarse á correspondente Xefatura Territorial no prazo de 15 días.

Así mesmo, a semana pasada tamén saíu publicada no DOG unha modificación da Resolución Anual de Vedas que regula a tempada cinexética en Galicia co obxectivo de que en todos os concellos da comunidade as autorizacións de caza por danos se realicen de xeito inmediato, dando así unha solución á situación que está a provocar esta especie salvaxe, cunha presencia cada vez máis habitual nas zonas periurbanas.

ROLDA DE CONTACTOS. A Xunta de Galicia traslada que a procura de solucións ante o problema que supón o xabaril require necesariamente da colaboración dos cazadores. Nese sentido, a directora xeral de Patrimonio Natural reuniuse cos responsables dos tecores da Área de Viana e puxo fin a unha rolda de contactos que mantivo coa totalidade de tecores afectados por esta declaración de emerxencia para facilitar información de primeira man sobre as repercusións desta decisión.

Cómpre destacar que a Xunta conta co apoio e o respaldo ao devandito plan por parte da Federación Galega de Caza.

Durante estes encontros, a directora xeral reiterou aos cazadores que as Xefaturas Territoriais serán o seu enlace para a posta en marcha das medidas a curto e medio prazo que se prevén executar e indicou que a previsión do Goberno galego é atallar gran parte do problema actuando sobre estas catro comarcas, xa que se consideran clave no relativo ao grao de afección comprobado.

A Xunta activa as principais medidas do seu novo plan de acción...
Comentarios