domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

"Haberá un efecto arrastre, sen dúbida"

Xosé Rúas Araújo, no seu despacho da facultade pontevedresa. DUVI
Xosé Rúas Araújo, no seu despacho da facultade pontevedresa. DUVI

Investigador e docente de comunicación política e institucional, Xosé Rúas analiza o escenario inédito tralo 28A e ás portas das municipais

Profesor de Comunicación Electoral e Institucional na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra (UVigo), Xosé Rúas Araújo tamén coordina o grupo de investigación Necom: neurocomunicación, publicidad y política e, ademais, concorre como número tres na candidatura socialista á Alcaldía de Ourense.

España está vivindo un escenario inédito, con dúas convocatorias electorais en só un mes. As xerais deixaron resultados históricos. Haberá efecto contaxio nas municipais? Que valoración fai?
Xuntar unhas eleccións xerais cunhas municipais paréceme unha decisión estratéxica, sobre todo a un mes vista. Considero que vai haber un efecto arrastre inevitable e un cambio de tendencia. Temos datos irrefutables sobre a mesa: a victoria a nivel nacional, o rachar unha perspectiva a nivel de Galicia, onde o PSOE non superaba ao PP dende hai moitos anos e varias tendencias significativas. Vese claramente, por exemplo, en Ourense, cun respaldo de 23.000 votantes ao PSOE, sobre todo nas mesas do centro da cidade. É unha inversión da tendencia do voto, que contrasta, paralelamente, coa entrada do PP en crise. A ninguén se lle escapa que Casado tentou este domingo unha fuxida para adiante, pero supoño que alguén lle pedirá responsabilidades por perder a metade dos deputados que tiña Rajoy.

Hai escenarios previsibles. Cales serían estes escenarios?
Un sería a dimisión de Casado e a chegada de Núñez Feijóo a Madrid, escoitando as súas declaracións, onde apuntaba moito neste sentido. Agora xa non ten a oposición das sorayas, que lle frearon o paso na anterior ocasión. Non esquezamos que temos eleccións autonómicas, supostamente en xuño de 2020. Así que poderiamos encontrarnos cun escenario de adianto en Galicia.

"Núñez Feijóo apunta moito a Madrid e agora xa non ten a oposición das ‘sorayas’, que lle frearon o paso na anterior ocasión"

Adianto para este ano?
Poderían adiantarse uns meses, un adianto técnico.

Falaba dun arrastre inevitable de cara ás municipais, pero está claro que extrapolar os resultados dunhas xerais a unhas locais pode levar a engano. No caso de Pontevedra, podería remontar o PSOE?
Iso é así. Non se poden extrapolar resultados, pero temos unhas municipais un mes despois das xerais, cunhas tendencias de voto. Se foran moi espaciadas poderían pasar moitas cousas polo medio, pero non é o caso. A proximidade temporal axudará bastante para pegarse á mensaxe do Goberno central. No caso de Ourense, por exemplo, veu Pedro Sánchez en campaña, iso influiu, e comprometeuse a vir nas municipais. En Ourense sería histórico romper a hexemonía Baltar na Deputación. Poderíase facer triplete e, entre os votos da cidade e as previsións nalgúns concellos da provincia, o PSOE podería acadar a cuarta Deputación. En Pontevedra tamén haberá arrastre, aínda que tamén entrará en xogo a proxección do alcalde. Calquera que mire un pouco os datos verá que se rachou unha tendencia en Galicia pola falta de liderado do candidato do Partido Popular.

Que estratexias deberían seguir os partidos, sobre todo o PP tralo seu batacazo do 28 de abril, para recuperarse de cara ás municipais? Debería desligarse do efecto Casado? Centrarse nos alcaldes e figuras locais?
Igual que ao PSOE lle interesa unha estratexia de vencellarse a Madrid, imaxino que a nivel local para o Partido Popular é todo o contrario. Ten que desvencellarse do que ocorre na capital. O problema é que é inevitable. É complicado que logren pechar filas e é inevitable que este mes a crise interna do PP poida taparse e non inflúa nas eleccións municipais. Por moito que queiran, sempre influirá.

En todo caso quedará diluída a fragmentación do voto da dereita que tanto dano lle fixo nas xerais ao ser residual a presenza de Ciudadanos e Vox nas candidaturas municipais, non?
Si, a súa presenza será residual en Galicia. Ao final o que se fará será un chamamento ao voto útil. Que Albert Rivera se vexa xa como líder da oposición con Ciudadanos afonda máis na previsible crise do Partido Popular. Aínda que nas anteriores eleccións municipais había unha resistencia a Ciudadanos, presumiblemente podería acadar algúns apoios máis o vindeiro 26 de maio. Xa vimos que Rivera se posicionaba practicamente como líder da oposición.

Descártao entón como socio de Goberno socialista?
Non creo que entre como socio. Eles mesmos se descartaron, tamén como estratexia. Sería facer o contrario do que dicían.

Cre que a Sánchez lle quedou claro que a militancia non quere saber nada dese pacto?
É pouco probable que pase. Xa houbo unha experiencia previa, moi breve, con Ciudadanos, e vendo o tono das mensaxes, véxoo pouco probable. O socio natural sería Unidas Podemos.

"Haberá un efecto arrastre, sen dúbida"
Comentarios