Xosé Fortes: "O do 36 foi un estatuto desgraciado"

Esquecido e desgraciado. Así pasou á historia o estatuto de autonomía de Galicia de 1936 para Xosé Fortes. Dez autores, entre os que están Ramón Villares e Méndez Ferrín, reivindican nun volume, coordinado polo historiador pontevedrés, aquel documento e aquela época
El historiador Xosé Fortes
photo_camera El historiador Xosé Fortes

Precisábase que dous terzos do censo votasen a favor. Fíxoo o 74%. O dato dá conta da importancia que tivo para a poboación galega o referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936. "Alí estaba todo dios", di Xosé Fortes Bouzán (Caroi, 1934). O historiador pontevedrés vén de coordinar un libro, composto por artigos de dez intelectuais, en homenaxe a un texto clave na historia galega.

O volume titúlase ‘O estatuto esquecido’ e certamente, no ano do seu 80º aniversario, pouco se fixo para lembralo.

Non se fixo nada. Pero nin este ano nin no do 50º nin no do 75º aniversario. Este foi un estatuto desgraciado. Pero hai que lembrar que Galicia ten hoxe o seu actual estatuto de autonomía porque, grazas á República e a este Estatuto do 36, tiña gañada a súa consideración de nacionalidade histórica. Dígoche máis, no seu día, Adolfo Suárez quixo traer a Bibiano Fernández Osorio-Tafall a Galicia, como viñera Josep Tarradellas a Cataluña, para presidir a autonomía. Pero Osorio-Tafall négase porque di que os que llo piden son os mesmos que o botaron.

O que quero dicir é que a intención era esa: empalmar a legalidade daquel momento coa legalidade anterior. Pero foi, dende logo, un estatuto desgraciado. Todos os que participamos neste libro estivemos de acordo: nin se tivo moi en conta para o novo, nin se reivindicou despois... É incrible.

Pódese considerar o Estatuto de 1981 fillo do de 1936?

Non. Son moi diferentes. Aínda que o actual tamén tivo as súas cousas: unha redacción moi accidentada, aquela protesta masiva en Vigo... Pero o do 36 quedou na penumbra. Peor, porque nin se mentou, a pesar de ser unha peza clave na nosa historia. De non ser por el, hoxe Galicia sería unha comunidade como La Rioja. A singularidade de Cataluña, Euskadi e Galicia veulles dada, en boa medida, por teren aprobado os seus estatutos de autonomía nas Cortes da República. E en Galicia o papel de Castelao neste sentido é fundamental.

De feito, a el está adicado o artigo máis extenso do libro. Por algo é. A sublevación píllao en Madrid porque está alí presentando precisamente o estatuto. O 17 de xullo recíbeo o presidente. E o resto toda guerra adícao a presionar e a presionar para meter na orde do día das Cortes o Estatuto de Galicia ata que consegue que se aprobe. Foi moi importante conseguilo: daquela non valeu para nada, pero valeu despois.


"Galicia chegou aos anos 60 sendo o cu fr España, peo durante a República estaba na vangarda. Foi o franquismo o que nos sumiu no atraso"


O libro está composto por dez artigos que repasan, non só o que foi o Estatuto do 36, senón tamén diversos aspectos da sociedade galega do momento: do cine e a arte ao agrarismo, por exemplo.

Eu quería facer un cadro sobre a Galicia do Estatuto e sobre o referendo. Por iso foi que intentei dar unha pincelada de cada cousa. Por exemplo, para min era importante sinalar que a Galicia daquel momento, a Galicia da República, era unha Galicia moderna. Galicia caeu no atraso durante o franquismo. É así. Chegamos aos anos 60 sendo o cu de España, mentres na República eramos a vangarda.

Mira, cando eu me puxen a traballar en ‘Terras de Cotobade’, descubrín un lugar que non recoñecía. O Cotobade da miña infancia era un Cotobade no que non había nada, monte e nada máis. Pero o Cotobade da República era un Cotobade onde había máquinas de coser Singer, arados Ajuria, modistas que reproducían os últimos deseños do que se levaba, sociedades agrarias, representacións de obras de teatro, lecturas públicas comentadas, mitins de Castelao, visitas de Cruz Gallástegui, propostas de comercialización do leite, melloras no cultivo do millo e na produción cárnica... Un exemplo só: durante o franquismo en Cotobade non había un libro, nin nos colexios.

Na República, na miña aldeíña, a máis pequena de todas, Caroi, había unha biblioteca con 556 libros. Os falanxistas encargáronse de queimalos todos. Penso que non fai falla dicir nada máis. A República non é máis que a consecuencia de todo o que pasara na Restauración. Eu digo que se no 26 se redimen os foros eclesiásticos, grazas ao que Galicia deixa de ser un país dependente e cada un pasa a ser dono das súas terras, no 36, grazas ao Estatuto, pasamos a ser politicamente libres.

A intelectualidade que se move arredor dese Estatuto, de Castelao a Camilo Díaz Baliño pasando por Ánxel Casal ou Alexandre Bóveda, segue a ser hoxe unha referencia.

Porque é a intelectualidade desa Galicia moderna. Alí están as cabezas máis válidas. Detrás da defensa do Estatuto estaba todo dios. Para empezar, todos os artistas. Volcáronse con este proxecto. Así se fixo a campaña que se fixo, con avionetas sobrevoando o territorio para lanzar ‘octavillas’ ou o propio texto do Estatuto.

No libro, hai máis un exercicio de memoria ou de reivindicación?

De memoria, de memoria. Reivindicalo hoxe non tería sentido. Está obsoleto. Evidentemente, o actual ten moitas máis competencias. O máis importante é, como se sinala ao remate do libro, lembrar que aquel golpe de estado, que se xustificou referíndose ao caos que era a República, o único que deixou foron centos de miles de mortos, unha afrenta de terror incalculable, sumir a Galicia no atraso máis profundo, para, 40 anos despois, ter que retomalo todo naquel mesmo punto. Pero quen mide a dor que causou todo aquilo? Cada familia detrás de cada asasinado, de cada inxustiza... Ese sufrimento é inabarcable.

Lembro agora o caso de Pintos Quinteiro, un taxista socialista ao que mataron en San Amaro. Pouco despois de matar ao pai, un fillo de apenas 14 anos tivo que escoitarlle á farmacéutica dicirlle ao sarxento da Garda Civil: "Oye, mira quien va ahí con las vacas. ¡Hay que acabar también con la simiente!".

Ten Galicia aínda moitos aspectos da súa historia sobre os que volver, como o Estatuto do 36?

Home, hai moito camiño andado xa. Eu diría que quizais, o que queda por facer ten que ver máis coa historia local, traballos como o que fixemos en ‘Terras de Cotobade’. Pero son investigacións complexas. A nós ese estudo levounos catro anos. Pero danos unhas claves que resultan fundamentais para coñecer a nosa historia.

E como tería sido este país sen ter pasado por unha ditadura de 40 anos?

Uf, iso pon os pelos de punta.

Comentarios