martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

A viúva do pontevedrés falecido nun naufraxio en Senegal reclama 400.000 euros á armadora

Sandra Patricia Arias, acompañada do seu avogado Alipio Santiago, e o representante de CIG-Mar, Xabier Aboi. GONZALO GARCÍA
Sandra Patricia Arias, acompañada do seu avogado Alipio Santiago, e o representante de CIG-Mar, Xabier Aboi. GONZALO GARCÍA
O corpo do patrón do Senefand Uno non foi recuperado ►O caso será analizado o luns polo xulgado do Social número 1 de Vigo

A viúva do patrón do Senefand Uno, o barco que se afundiu en augas de Senegal en febreiro de 2017, reclama unha indemnización de 400.000 euros á armadora viguesa Profand pola morte do seu marido, o pontevedrés José Vicente Pazos, ao entender que o sinistro se produciu polas deficiencias que presentaba o pesqueiro. O caso será analizado o vindeiro luns 9 de decembro polo xulgado do Social número 1 de Vigo. 

O cadáver do seu esposo e o doutros dous mariñeiros senegaleses non foi recuperado. Tras o naufraxio conseguiron salvarse oito dos once tripulantes. 

Sandra Patricia Arias compareceu este mércores en rolda de prensa  acompañada do seu avogado Alipio Santiago, e o representante de CIG-Mar, Xabier Aboi. O letrado sinalou que o barco non reunía condicións de seguridade "porque tiña unha rampla corrida no costado de estribor", o que afecta á estabilidade do buque. Ademais, contaba cunhas portas no parque de pesca á altura da rampla que facían que o barco estivese moi exposto á entrada da auga. 

"Pola memoria do meu marido, polo benestar das miñas fillas, tomei a decisión de levalos a xuízo"

"Co mar en calma un barco que se afunde en 2 ou 3 minutos, algo raro ten que pasar", sinalou Alipio Santiago. Entre outros argumentos, o avogado de Sandra Patricia Arias esgrimirá no xuízo un "documento pericial obxectivo" como é o informe realizado pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim). 

Ese documento conclúe que "a causa do accidente foi o sobrepeso durante a manobra de izado do copo que provocou unha escora repentina e moi pronunciada no barco, que deu lugar, ao estar abertas as portas de popa do parque de pesca, a unha inundación progresiva do buque e o seu posterior envorco", explicaron.

INDEMNIZACIÓN. Sandra Patricia explicou que a súa intención nunca foi acudir aos tribunais, pero ante a escasa indemnización, entre 50.000 e 100.000 euros que a empresa armadora pretende pagarlles a ela e ás súas dúas fillas menores de idade, deu o paso. "Pola memoria do meu marido, polo benestar das miñas fillas, tomei a decisión de levalos a xuízo", xustificou. 

A familia do patrón falecido reclama uns 400.000 euros, unha cifra que supón o 0,00056% da facturación anual da armadora

"Fanme pasar por todo outra vez", lamentou a viúva "logo de tres anos atafegantes" nos que a súa familia tivo que afrontar unha gran perda que, abundou, ve "reflectida" nas súas fillas, "especialmente na maior", unha moza de 13 anos que necesitou tratamento psicolóxico por mor deste suceso. 

Sandra Patricia Arias recordou que "nun primeiro momento a empresa portouse ben", pero non foi así á hora de indemnizar á familia. "Paréceme vergoñoso que agora me fagan pasar polos xulgados e recordar todo", valorou. 

A familia do patrón falecido reclama uns 400.000 euros, unha cifra que supón o 0,00056 % da facturación anual da armadora, destacou o representante da CIG. Xabier Aboi tamén criticou que a morte de Vicente Pazos no naufraxio non se considere accidente laboral porque, ao tratarse dun buque que faenaba con outro convenio e pavillón estranxeiro, a Seguridade Social non lle recoñeceu esta categoría. 

A viúva do pontevedrés falecido nun naufraxio en Senegal reclama...
Comentarios